Nace en Pontevedra o Agarima Fest, unha mostra de curtas de escolas audiovisuais
Por Alejandro Espiño
O Teatro Principal de Pontevedra acollerá o venres 26 de xaneiro a estrea do Agarima Fest, un novo festival de cine que busca crear un espazo para a proxección e presentación de proxectos audiovisuais xerados baixo o foco das escolas de cine galegas.
Esta mostra, impulsada por Manu Sacoga e Eva Iglesias, graduados en Comunicación Audiovisual e Belas Artes, respectivamente, busca tecer unha rede entre artistas para xerar encontros culturais e, a través destes, chegar ao público.
Os seus responsables destacan que se trata dunha iniciativa pioneira, xa que non existe unha mostra de curtametraxes exclusiva de escolas audiovisuais na zona.
"Temos a intención non só de mostrar un cine descoñecido de gran calidade e pouca visibilidade como é o cine galego que fan os mozos, senón tamén que funcione coma un altofalante para as xeracións máis novas", subliñan os impulsores deste Agarima Fest.
As curtametraxes proxectaranse nunha sesión que celebrará de 16:30 a 22:00 horas. Nesta primeira edición serán once as pezas que se exhibirán, repartidas en tres bloques.
Así, poderanse ver "Flores blancas" de Marcos Herrera, "Ángel de plástico" de Manu Sacoga, "Tara" de Rebeca Tella e Daniel Filloy, "Excoriación" de Eva Iglesias, "Ágape" de Patricia Villalón e Victor Couto, "Xogo de nenos" de Miguel R. Berride ou "Despois de ti" de Paula Pereira.
A mostra incluirá tamén as curtametraxes "Solpor" de Susana Alba, "Un abrazo es un mundo entero" de Manu Sacoga, "Lixo" de Óscar Silva e Pablo Martínez e "Tan só o demo lembra" de Dani Iglesias.
A intención do festival é que este evento, que conta co apoio da Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo, sirva como escaparate para o talento galego no cinema da nosa terra.