Unha viaxe á realidade senegalesa dende a Aula de Cine da Facultade de Comunicación
Por Oskar Viéitez
A Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (AGARESO) presenta a reportaxe multimedia 'La Brecha' este xoves 15 ás 16 horas na Aula de Cine que estrea a Facultade de Comunicación do campus de Pontevedra.
En xullo do ano pasado, Javier Ramos, Mar Navarro e Maréme Fall viaxaron a Saint Louis e Gandiol (Senegal) para afondar en tódolos coñecementos adquiridos durante o XIII Seminario de Comunicación Social, organizado por Agareso no 2023.
Durante esta experiencia, na que estiveron acompañadas por Antonio Grunfeld, técnico de Agareso, e polo equipo humano da ONGD Hahatay, produciron ‘La Brecha’.
A reportaxe fai un percorrido por tódalas eventualidades provocadas pola subida do nivel do mar na costa norte de Senegal, onde cambio climático e acción humana interveñen para agravar un dos grandes problemas que afecta a esta rexión: a erosión costeira.
A protagonista da peza, a "brecha" é unha fenda con varios quilómetros de lonxitude xerada na costa norte do país por unha intervención humana que agudizou problemas xa existentes de erosión costeira e salinización de terras, provocando así o desprazamento forzado de milleiros de persoas refuxiadas climáticas. A peza narra a historia de como persoas e poboacións enteiras se viron obrigadas a abandonar as súas casas, que foron devoradas polo mar.