"As alumnas", unha historia de memoria histórica, igualdade e xustiza social, chega a Ponteatro
Por Redacción
Tras o éxito de Unha inimiga do pobo, que se representou o pasado xoves, Ponteatro continúa coa súa programación. Farao este martes 27 de febreiro, ás 21:00 horas, coa representación da obra As alumnas, que a compañía Culturactiva mostrará no Teatro Principal.
Dirixida a un público adulto, As alumnas trata sobre a figura da pedagoga galega María Barbeito e sobre como o franquismo significou un enorme retroceso na educación do Estado, especialmente para as mulleres.
A educación, peza fundamental no desenvolvemento e na liberdade das persoas, especialmente das mulleres, é o eixo fundamental da obra.
As dúas personaxes femininas representan dous casos concretos de mulleres no marco histórico anterior e posterior á Guerra Civil, que nos levan a tocar as transformacións sociais do momento.
Así, As alumnas busca facer un exercicio de reapropiación da realidade colectiva e individual que se opoña ao relato hexemónico, para reconstruír a memoria e espazos imaxinarios da comunidade coa complicidade dos espectadores.
Baseada nun texto de Paula Carballeira, galardoado co Premio Nacional de Literatura Dramática 2023, As alumnas está dirixida por Fina Calleja e protagonizada por Anabell Gago e Mónica Camaño.
As entradas para asistir a esta función teatral están á venda na plataforma Ataquilla.com.
Relacionadas:
-
Pode Helen Keller devolverlle os soños a Greta Thunberg?
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |
-
"Cando o feminismo avanza, non deixa a ninguén atrás"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Teatro para reflexionar sobre a relación entre a prensa e o poder, entre a sanidade e a economía
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Iribarne, unha revisión "moi tola" da vida de Manuel Fraga, conquista o Pazo da Cultura
Por Redacción |
-
Programadas en Pontevedra seis destacadas obras nunha nova edición de PonTeatro
Por Oskar Viéitez |