'Nasín cando as prantas nasen', unha exposición coa que Caldas de Reis honra a Rosalía de Castro
Por Redacción
O Concello de Caldas de Reis, a través do seu departamento de Cultura, abrirá este mércores a exposición 'Nasín cando as prantas nasen. O herbario de Rosalía', unha mostra con imaxes de plantas e flores moi vencelladas á obra da autora de Padrón.
Estará aberta no auditorio municipal ata o vindeiro 16 de marzo, en horario de mañá para visitas concertadas de centros escolares e pola tarde (de 17 a 19 horas) para o público xeral.
Realizada da man da Fundación Rosalía de Castro -da que o Concello de Caldas de Reis é mecenas-, a exposición pretende honrar á a autora "máis destacada e máis universal da cultura galega, un símbolo nacional de Galiza", segundo palabras do tenente de alcalde e responsable de Cultura, Manuel Fariña.
Con esta actividade, igual que coa ofrenda floral no monumento do Paseo da Tafona e o espectáculo de monicreques na biblioteca para as crianzas da vila celebradas o pasado día 23 -día no que se conmemorou o nacemento da escritora- o Concello busca reivindicar a vixencia do seu pensamento e a reivindicación da lingua galega.
Esta exposición amosa un herbario literario con exemplares de plantas que podería recoller do campo a propia Rosalía nos paseos que tanto lle gustaban e que inspiraron a súa obra.
O traballo xurdiu no marco dun proxecto de investigación da Universidade de Santiago de Compostela e consta de cinco seccións con 40 imaxes en total que ofrecen información de "rosas, herbas do campo florido, herbiñas do camposanto, árbores e outras flores, plantas e especies comestibles".
Tamén dispón dun vídeo co recitado profesional dos versos de Rosalía e a proxección da totalidade dos pregos, para o que se dispón dun procesamento fotográfico de calidade, levado a cabo por Miguel Fraga Vila, que traballou no proxecto xunto a María López-Sandez nun proceso dirixido por María Isabel Fraga Vila, profesora de Botánica da Universidade de Santiago de Compostela.
Relacionadas:
-
A primavera trae festa a Caldas de Reis coa Panorama e o Grupo Alkar
Por Oskar Viéitez |
-
Ribadumia acollerá a exposición 'O Herbario de Rosalía'
Por Oskar Viéitez |
-
‘Nasín cando as prantas nasen. O herbario de Rosalía’ amosa na Deputación a natureza das obras da autora de 'Follas novas'
Por Redacción |