‘Nasín cando as prantas nasen. O herbario de Rosalía’ amosa na Deputación a natureza das obras da autora de 'Follas novas'
Por Redacción
As plantas e flores máis vinculadas á obra de Rosalía de Castro convértense nas protagonistas desde este martes da exposición 'Nasín cando as prantas nasen. O herbario de Rosalía', unha mostra que permanecerá aberta ata o 17 de abril, en horario de 09.00 a 19.30 horas, en días laborables.
O departamento de Lingua da entidade provincial, en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro e coa responsable de exposicións do Museo de Pontevedra, organiza esta iniciativa en forma de herbario literario que busca achegarse ao que elaboraría a autora compostelá nos paseos que inspiraron a súa obra.
María Ortega, deputada de Lingua, e Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, participaron na inauguración. A deputada provincial destacou a importancia que a natureza ten na obra da escritora de 'Follas Novas' e animou á cidadanía a visitar as instalacións para comprobar estes elementos desde unha perspectiva diferente. Unha vez que finalice a exposición en Pontevedra percorrerá outros dez municipios da provincia.
Aqueles concellos interesados deberán participar no proceso de solicitude.
Anxo Angueira destacou a colaboración "exemplar" da Deputación coa Casa de Rosalía durante os últimos anos e lembrou que a mostra foi creada a partir dun "herbario literario único" no que se coordinaron os traballos interdisciplinares da filoloxía, a botánica e a fotografía.
A exposición constitúese a través de cinco seccións con corenta imaxes que ofrecen desde rosas ata herbas de camposanto pasando por flores, plantas e especies comestibles.
Ademais, ofrécese un vídeo co recitado profesional de versos de Rosalía e a proxección da totalidade dos pregos cun procesamento fotográfico de calidade, desenvolto por Miguel Fraga Vila, que traballou nesta proposta xunto a María López-Sandez nun proceso dirixido por María Isabel Fraga Vila, profesora de Botánica na Universidade de Santiago de Compostela.
Entre outros elementos destacan os carballos, os piñeiros, os álamos, a sobreira, o castiñeiro, o salgueiro, o ciprés ou o loureiro, pero tamén os toxos e as silvas, ortigas, cardos e caraveis, representados nos textos de Rosalía de Castro.
Relacionadas:
-
'Nasín cando as prantas nasen', unha exposición coa que Caldas de Reis honra a Rosalía de Castro
Por Redacción |
-
Recala en Caldas de Reis a exposición sobre os 50 anos da Casa de Rosalía
Por Redacción |
-
RADIO.- Uxía e Javier, Rosalía e Lorca, soben este sábado ao escenario do Teatro Principal
Por Redacción |
-
Poesía, música e unha filla da figueira de Rosalía renden homenaxe á "autora máis representativa das nosas letras"
Por Redacción |
-
As augas de Caldas que obraron en Rosalía de Castro "un verdadeiro milagre"
Por Redacción |