Unha escolma da colección de arte do Parlamento de Galicia recala no Café Moderno
Por Redacción
Unha selección realizada entre as máis de trescentas obras artísticas que conforman a colección do Parlamento de Galicia chega este xoves ao Café Moderno Afundación de Pontevedra baixo o título 'A Nosa Arte'.
A inauguración está prevista a partir das 19.00 horas do 29 de febreiro e poderá visitarse ata o sábado 25 de maio deste ano no espazo situado na pontevedresa Praza de San Xosé.
Esta mostra está comisariada por María Victoria Carballo-Calero, catedrática emérita de Historia da Arte; e os académicos da sección de Arqueoloxía e Museoloxía Felipe-Senén López Gómez e José Carlos Valle Pérez, todos eles integrantes da Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario.
Entre os tres seleccionaron os traballos desta proposta itinerante, que xa foi vista polo público en Vigo, Ferrol, Ourense e Lugo durante os últimos meses. A maior parte das obras percorrerán todas as cidades, mentres que unha cuarta parte irá modificándose en función do espazo en que se presenten.
O Café Moderno acollerá pezas particularmente significativas da arte contemporánea de Galicia, seleccionadas dentro dunha ampla colección que conta con obras de Constantino Grandío, Berta Cáccamo, Manuel Colmeiro, Carlos Maside, Manuel Moldes, Laxeiro ou Mercedes Ruibal, entre outros nomes de artistas de gran recoñecemento nas últimas décadas.
'A Nosa Arte' forma parte da programación cultural do Parlamento de Galicia, en colaboración con Afundación, e nace coa intención de dar a coñecer a colección de arte da Cámara galega e, ao mesmo tempo, achegar ao poder lexislativo galego á cidadanía a través destes traballos artísticos.