Pontevedra seguirá a investigar sobre a performance con 'Fugas e Interferencias'
Por Redacción
A análise dos novos comportamentos da arte de acción, tanto desde a práctica como desde a reflexión teórica, constitúe o eixo central da International Performance Art Conference Fugas e Interferencias, o único congreso académico dedicado a esta disciplina que se desenvolve en España.
Organizado polo grupo de investigación PE4 Imaxe e Contextos, da Facultade de Belas Artes, coa colaboración da Vicerreitoría do campus de Pontevedra e do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), este congreso desenvolverase entre o 31 de outubro e o 2 de novembro a súa novena edición.
Ata o 22 de abril permanece aberto o prazo de presentación de propostas de comunicacións. As seleccionadas inseriranse nas diferentes mesas deste evento académico e recolleranse á súa vez na publicación dixital resultante de cada edición do congreso.
Nas súas oito edicións previas, o congreso fixo posible a publicación de máis dun centenar de estudos de investigadores dunha decena de países. "Non atopamos precedente dentro do mundo académico español e europeo que poida ofrecer un corpus de coñecemento en performance como o que, de maneira aberta e gratuíta, ofrece Fugas e Interferencias", sinala o profesor Carlos Tejo, codirector deste congreso xunto coa investigadora Marta Pol.
Neste 2024, o congreso manterá de novo a Vicerreitoría do campus de Pontevedra como sede da súa xornada inicial, na que contará de novo coas performances realizadas polo alumnado de Belas Artes, para logo trasladarse ao CGAC.