O músico pontevedrés Anxo Araújo convida a celebrar a vida co seu novo álbum 'Aprender a bailar'
Por Redacción
‘Plan de urbanismo para un novo couto mixto’ foi o seu álbum debut e desde este venres o músico pontevedrés Anxo Araújo xa ten o seu segundo elepé no mercado e que leva por nome 'Aprender a bailar'. Xa está dispoñible nas plataformas dixitais e en formato vinilo e cd.
Un elepé gravado, como o primeiro traballo de fai tres anos en Unha Casa Calquera de Poio, Garaxeland de Compostela e Terraforma de Hío. As mezlcas son de Anxo Araújo e Ibán Pérez e a masterización correu a cargo de Víctor García en Ultramarinos de Catalunya.
As voces, guitarras, teclados, baixos e sintetizadores corresponden a Araújo quen contou ademais con Faus Camaño na batería e percursiones, Borja López nos ventos e Julio Visi nas percusións latinas. Ao disco engádense tamén outras colaboracións.
Musicalmente o resultado deste álbum con nove temas, é un pop melódico que conserva as reminiscencias do folk e a música tradicional galega como xa fixo no seu anterior traballo. Os ritmos bailables, as percusións latinas, ventos e sintetizadores marcan esa paisaxe sonora. Como sinala o artista, "é un disco que disipa tormentas e que convida a celebrar a vida e a vivir o presente".
'Aprender a bailar' vén con xira que arrancará o 19 de abril na Sala Sónar de Santiago de Compostela. Tamén están pechados ata o de agora directos para o 27 de abril no Krazzy Kray de Cambados, o 30 de abril na Sala Mardi Gras da Coruña e o 1 de xuño no Club Clavicémbalo de Lugo.
Anxo Araújo leva máis de dúas décadas na escena musical, pasando por diversas bandas. En 2021 co inicio da súa etapa en solitario participou en eventos como o Ciclo Xullo Pop, Atardeceres do Gaiás, as festas do Apóstolo en Santiago, na Feira da Música do Miño ou o Surfing the Lérez en Pontevedra. Co primeiro elepé ademais estivo entre os nomeados dos Premios Martín Codax.
Relacionadas:
-
RADIO.- Espelita prepara a presentación en directo do seu debut musical, 'Rentrèe'
Por Marisa Ciordia |
-
RADIO.- 'Os dez lanzamentos' veñen esta semana con novidades de Anxo Araújo e Lontreira
Por Redacción |
-
Anxo Araújo presenta o seu novo videoclip 'Por que tivemos que discutir?'
Por Redacción |
-
O Galegote Rock celebra os seus once anos de vida por todo o alto
Por Cristina Saiz |