Xaime Fandiño reivindica no seu "último concerto" o dereito a decidir a calquera idade
Por Redacción
"Unha historia aceda, pillabana e vitalista que, inspirada nunha fake news, afonda sobre o dereito a decidir e a heteroxeneidade dos seres humanos".
Desta maneira preséntase 'El último concierto', a primeira obra de ficción de Xaime Fandiño.
A trama arrinca nunha ficticia residencia de maiores, localizada ao bordo do mar no Morrazo, na que unhas persoas internas na institución deciden acudir ao Resurrection Fest. Estes "incombustibles" poñerán coa súa acción en cuestionamento as estruturas sociais. "Unha road movie infestada de humor acedo que che sorprende en cada páxina".
Editado por Elvira Independente, chega ás librerías tras as exitosas presentacións que o autor está a realizar en varias localidades galegas, acompañado de caras coñecidas do mundo da cultura, en especial do medio televisivo no que Fandiño desenvolveu gran parte da súa carreira profesional como realizador na Televisión de Galicia, labor que compaxinou coa docencia universitaria.
Antonio Durán "Morris", Manuel Manquiña, María Vázquez ou Teté Delgado foron algúns dos nomes que deron apoio a Fandiño nas presentacións do libro en Vigo, A Coruña e Santiago.
Exdecano da Facultade de Comunicación do campus de Pontevedra e impulsor da pioneira Cátedra de Idadismo da Universidade de Vigo, fai unha interpelación ao lector para que abra a súa mirada sobre o que significa a vellez. "Se a túa perspectiva sobre a vellez está infestada de inseguridades, prexuízos e suspicacias ou crees que os teus avós son un coñazo, tes que ler esta novela, porque na tribo herexe destes catro incombustibles non hai lugar para concesións", manifesta o autor.
A vida está chea de oportunidades e por iso reivindica o dereito para tomar as nosas propias decisións en calquera momento, "sexas novo, vello, maduro ou intermedio".
Para o autor é necesario poñer en valor todas as etapas da vida e abandonar os estereotipos asociados á vellez para "facer cool a lonxevidade e a vida en xeral, máis aló de calquera condición etaria, todo iso orientado a que non che rouben o futuro".