Premiados dous vídeos que loitan contra os estereotipos e prexuízos existentes en relación á idade
Por Redacción
A Casa das Campás acolleu este luns a entrega de premios da Cátedra de Idadismo para Lucía Blanco e Adrián González polos seus vídeos nos que poñen o foco na discriminación por razóns de idade.
Esta Cátedra de Idadismo está impulsada pola Universidade de Vigo, a Asociación de Familiares y Enfermos de Alzhéimer y otras Demencias de Galicia (Afaga) e a entidade de innovación social Atendo.
O obxectivo desta Cátedra é contribuír a través da comunicación á erradicación do idadismo, isto é a ese conxunto de prácticas laborais, sociais e políticas que discriminan ás persoas por razón da súa idade.
Nese obxectivo insírese este concurso de vídeos, aberto a toda a cidadanía, que este luns celebrou o seu acto de entrega de premios na sede da Vicerreitoría do campus.
Nel, a cátedra recoñeceu co galardón ao mellor vídeo de imaxe real o traballo 'Din de nós', de Adrián González, e co galardón á mellor peza de animación á estudante da Facultade de Comunicación Lucía Blanco, por !Jubilemos al edadismo!
Así mesmo, o xurado decidiu outorgar unha mención especial ao tamén estudante desta facultade Daniel Fernández, pola súa peza Times New Roman.
Como recollían as bases do certame, un dos aspectos a valorar por parte do xurado era a "mirada interxeracional", que Adrián González (Adrián Porima) plasmou convertendo os seus avós nos protagonistas do vídeo premiado na modalidade de imaxe real. En 'Din de nós', este profesional do audiovisual pon o foco en que boa parte das persoas maiores posúen uns coñecementos tecnolóxicos reducidos, unha idea esta peza "dá a volta", explica, mostrando como os seus protagonistas constrúen unha videoconsola.
Na categoría de animación, Lucía Blanco foi premiada por un vídeo que emprega a técnica dos motion graphics para pór de relevo que o idadismo é unha forma de discriminación "que se dá en distintos ámbitos, como no traballo, na familia ou o amor". Estudante do Grao en Comunicación Audiovisual, Blanco Vega recoñece que "ata facer o vídeo non era tan consciente do problema e, segundo fun investigando, dinme conta de como pode chegar a afectar ás persoas no seu día a día".
Alumno tamén desta titulación, Daniel Fernández foi recoñecido cunha mención especial coa que o xurado quixo recoñecer "a creatividade" do seu traballo. Nesta peza, Fernández Filloy sinala que "as novas xeracións teñen certos prexuízos" respecto do uso da tipografía Times New Roman, a pesar de que grazas a ela "podemos acceder á maior parte dos contidos producidos e reproducidos durante o século XX", do mesmo xeito que, como sinala o vídeo, "coa dixitalización e os nosos prexuízos estamos deixando atrás" os coñecementos que posúen as persoas maiores.
Relacionadas:
-
Xaime Fandiño reivindica no seu "último concerto" o dereito a decidir a calquera idade
Por Redacción |
-
'Lo que el pelo dice de nosotras', unha investigación sobre o poder comunicativo e simbólico do cabelo ao longo da historia da arte
Por Oskar Viéitez |
-
Nace unha iniciativa pioneira en España para previr a discriminación por idade
Por Oskar Viéitez |