'Lo que el pelo dice de nosotras', unha investigación sobre o poder comunicativo e simbólico do cabelo ao longo da historia da arte
Por Oskar Viéitez
"O cabelo forma parte da vida e da identidade das persoas", salienta no Diario da Universidade de Vigo a profesora da Facultade de Belas Artes Susana Cendán, editora novo libro do grupo de investigación dx5 (digital & graphic art research), 'Lo que el pelo dice de nosotras'.
Este volume afonda nas "posibilidades simbólicas do cabelo para transmitir mensaxes de diversa índole" e en como foi utilizado ao longo da historia da arte.
Con ese propósito, o libro reúne a análise que Cendán realiza sobre como o pelo foi empregado como símbolo tanto de "morte e memoria", como de "subversión" fronte aos estereotipos de xénero.
Editado por Dardo, a publicación complétase coa presentación dos principais resultados da tese de doutoramento de Nuria Bouzas, que realizou unha análise da simboloxía asociada ao cabelo ao longo da historia.
"Interésanos especialmente o potencial especulativo do pelo, a súa capacidade para xerar análises culturais e sociais nas diferentes épocas, así como linguaxes artísticas e métodos discursivos", sinala Cendán dunha publicación que vai máis aló das artes plásticas, para afondar na simboloxía asociada ao pelo noutros ámbitos sociais e culturais.
"O pelo segue sendo un elemento de clasificación identitaria, social e incluso política moi importante e por iso debe tratarse desde múltiples perspectivas", salienta esta investigadora, que ten na análise de como este elemento é empregado na arte unha das súas liñas de traballo, coa que busca tamén "tratar de desmontar relatos relacionados co pelo, moito dos cales se perpetúan amparados na tradición", subliña.
Nese senso, como a representación do cabelo "continúa xerando arquetipos" e perpetuando "modelos de feminidade patriarcais" constitúe un dos focos de análise da publicación coordinada por Cendán e a directora do grupo dx5, Ana Soler, que foi financiada pola Xunta de Galicia.
Relacionadas:
-
Premiados dous vídeos que loitan contra os estereotipos e prexuízos existentes en relación á idade
Por Redacción |
-
Areeiro avanza na investigación contra o fungo que murcha a flor da camelia
Por Redacción |
-
Blanca Ana García, nova presidenta da Asociación Española Contra o Cancro en Pontevedra
Por Redacción |