II Cantar das Mozas e un Concerto de Música Sacra da Banda de Cerdedo, este sábado en Cerdedo-Cotobade
Por Redacción
Este sábado 23 de marzo, Cerdedo-Cotobade acolle dúas destacadas citas culturais: o II Cantar das Mozas no Centro Antonio Fraguas, en Carballedo, e un Concerto de Música Sacra da Banda de Cerdedo na igrexa de San Xoán Bautista.
A Asociación Cultural Os Afoutes do Canón de Pau organiza para as 18 horas o II Cantar das Mozas para conmemorar o Día Internacional da Muller, no que actuarán as Pandereteiras Trompos aos pés, de Marín; as Pandereteiras do Carballo e as Landriñas do Carballo, da Asociación Folclorica O Carballo das Cen Pólas (Reboreda-Redondela). Pecharán este encontro as anfitrionas, As Afoutiñas, pertencentes á Asociación Cultural Os Afoutes do Canón de Pau.
Por outra banda, ás 20 horas na igrexa parroquial de San Xoán Bautista de Cerdedo, terá lugar o Concerto de Música Sacra nun espazo especialmente indicado para disfrutar da sonoridade e da acústica dun dos templos máis importantes da contorna. A entrada será libre e gratuíta ata completar aforo.
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela manifestou a súa satisfacción pola proliferación de actividades promovidas polas distintas agrupacións musicais e que contan co apoio explícito do Concello para contribuír a dinamizar cultural e musicalmente o amplo territorio municipal.