Convocan o concurso literario Xaime Illa Couto, que repartirá 1.740 euros aos mellores contos e poemas
Por Redacción
O Concello de Poio e a SCD Raxó acaban de convocar o concurso literario Xaime Illa Couto, que, nas modalidades de relato curto ou conto e poesía, repartirá 1.740 euros en premios.
Os traballos pódense entregar ata o mércores 24 de abril ás 14.00 horas. Cada participante poderá presentar un único traballo por categoría, utilizando a lingua galega e con temática libre.
A entrega dos textos poderá realizarse no Concello de Poio ou mediante envío de correo certificado. Tamén se poden entregar nos centros de ensino públicos ou nos locais das asociacións colaboradoras e membros do Consello Municipal de Cultura: SCD de Raxó, SCD de Samieira, Ateneo Corredoira de Combarro, Asociación Boureante da Seara, Asociación Vides Novas de San Salvador.
A entrega de premios terá lugar o 17 de maio, dentro da programación que o Concello de Poio desenvolverá para conmemorar o Día das Letras Galegas.
As bases do concurso establecen seis categorías, divididas en función da idade. As catro primeiras abarcan desde os 6 aos 15 anos e contarán con premios de 90 euros para os gañadores das dúas modalidades, tanto do relato curto como de poesía. Na categoría de 16 a 17 anos, o premio para o autor será de 110 euros nas dúas modalidades, mentres que 18 anos en diante os premios ascenderán a 400 euros para os gañadores tanto en novela curta ou conto como en poesía. Ademais, farase entrega de diplomas e agasallo conmemorativo.
Os menores de 17 anos terán que estar empadroados en Poio ou matriculados nalgún dos centros educativos do concello. No caso dos adultos, a participación non terá limitación xeográfica.
O xurado encargado de analizar as obras presentadas estará formado por unha representación elixida a tal efecto por parte do Consello Municipal de Cultura.
As bases deste concurso, organizado en colaboración co Consello Municipal de Cultura, poden consultarse na páxina web do Concello, así como nos seus perfís oficiais nas redes sociais.