Desde abril ata final de ano, a obra de Antonio Palacios resplandecerá no Museo
Por Redacción
A primeira semana de abril comeza o simposio 'Antonio Palacios. Obra e legado' no Museo de Pontevedra.
Más de vinte arquitectos, investigadores e especialistas na figura de Palacios daranse cita do 4 ao 6 de abril en Pontevedra para analizar a modernidade da obra do arquitecto do Porriño e o seu impacto no patrimonio.
Esta cita organízase entre o Museo e o grupo de investigación IDEAHS da Universidade de Santiago de Compostela, dirixido por Jesús Ángel Sánchez, catedrático de Historia da Arte; e Álvaro Bonet, arquitecto da Universidade Politécnica de Madrid.
Aínda quedan prazas dispoñibles para as conferencias e mesas redondas programadas para o xoves 4 e o venres 5 de abril no Edificio Castelao.
EXPOSICIÓN ATA FINAIS DE 2024
Ao mesmo tempo, o Museo reserva un espazo nas salas da súa exposición permanente para mostrar as pinturas e debuxos que forman parte da colección de Antonio Palacios no Museo.
A relación de Palacios co Museo estableceuse desde o inicio da institución. Desta forma, consérvanse dous pequenos retratos femininos, pezas realizadas durante a súa mocidade que pertenceron ao seu gran amigo o caricaturista Sileno.
Tamén se conserva a primeira imaxe gráfica dunha das salas do Museo de Pontevedra no edificio Castro Monteagudo, un óleo pintado por Palacios o 28 de agosto de 1929, poucos días máis tarde da inauguración.
Tamén se conserva un lenzo que se atribúe a Palacios con reservas. É unha obra dunha vista da rúa de Alcalá na que sobresae o Círculo de Belas Artes.
A mostra complétase con cinco postais de Antonio Palacios dirixidas a Sileno. As obras estarán dispoñibles ao público ata finais de ano con motivo do 150 aniversario do nacemento do prestixioso arquitecto.
Relacionadas:
-
Mónica Alonso inaugura unha mostra que une a colección permanente do Museo coa arte contemporánea
Por Redacción |
-
Un ciclo de visitas dará a coñecer os tres proxectos pontevedreses premiados co Gran de Area 2023
Por Redacción |
-
'Monstruo 16' ou como facer arte con residuos urbanos
Por Redacción |
-
Especialistas de toda España participarán no simposio 'Antonio Palacios. Obra e legado'
Por Redacción |
-
Catro exposicións e máis de 30 actividades, programadas no Museo para esta primavera
Por Anxo Lourido |
-
O Museo de Pontevedra presenta unha "ilusionante" programación para 2024 con dez exposicións
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |