'A última dorna de Ons' arriba no Edificio Castelao o 11 de abril
Por Redacción
Este xoves 11 de abril, ás 19.00 horas, o salón de actos do Edificio Castelao do Museo de Pontevedra acolle a presentación do audiovisual 'A última dorna de Ons', un documental que recolle a historia de Cesáreo Patiño, un mariñeiro de 80 anos, sobrevivente dunha forma de pescar de forma tradicional a bordo da súa embarcación que leva por nome "Carmen".
Patiño é a última testemuña desta frota artesanal que, décadas atrás, contaba cun barco por familia na Illa de Ons.
A proxección deste traballo é unha iniciativa do Ateneo de Pontevedra. No acto intervirán os autores desta obra Anxo Cabada, fotógrafo, e Antón Davila, músico e produtor do audiovisual. Con eles participará Xaime Toxo, escritor e presidente do Ateneo de Pontevedra, entidade que promove esta presentación.
Nesta obra tamén hai un achegamento ao estudo das embarcacións tradicionais realizado polo antropólogo sueco Staffan Mörling, autor que defendía que a "dorna" era unha adaptación dos antigos barcos viquingos, mantendo a identidade galega.
A entrada ao acto é libre ata completar a capacidade do recinto.