Bueu únese á campaña 'Ler conta moito'
Por Redacción
O Concello de Bueu participa no programa 'Ler conta moito' co que se dinamizará a lectura a través de actividades variadas e atraíntes para a cidadanía, e que ten lugar coincidindo coa efeméride do Día do Libro, que se celebra o próximo 23 de abril.
O programa, que conta co financiamento da Xunta de Galicia, estenderase durante tres días deste mes en diversos espazos municipais das tres parroquias.
A primeira das actividades será "Zapatiños de cartón e a carta dos bosques", de Anxo Moure, da que se poderá gozar o próximo 16 de abril ás 18 horas na Biblioteca Municipal de Cela.
A seguinte será o 18 de abril, ás 18 horas, e neste caso terá lugar na Biblioteca Municipal de Beluso. Inma Soto trae "Xela, a superheroína de aldea", unha proposta para nenos de 4 a 9 anos sobre a natureza.
O programa rematará o 22 de abril coa obra "Menú máxico de contos", de Cris de Caldas, que se poderá ver a partir das 18 horas na Sala Multiusos do Centro Social do Mar de Bueu.
A idea da concellaría é continuar con este programa no mes de xuño a través dunha nova rolda de propostas.
A información sobre as actividades pode consultarse completa na web de Ler Conta Moito.