Guadi Galego pecha no Teatro Principal a súa xira de concertos
Por Cristina Saiz
Coas entradas esgotadas, Guadi Galego pechou este sábado no Teatro Principal de Pontevedra a súa xira de concertos "Síntese Horizonte".
Trátase dunha aposta da propia Guadi Galego pola evolución do seu son, un espectáculo concibido para recintos como este de Pontevedra, cunha produción que destaca pola súa coidada iluminación e posta en escena.
Ela, coa súa voz e o seu piano, presentouse sobre o escenario do Principal acompañada de Guillerme Fernández á guitarra acústica eléctrica e sintetizada; Rubén Iglesias ao baixo e sintetizadores; Isaac Palacín, batería e percusión; Alex Fernández, cos teclados e as voces de Paula Romero, Faia Díaz, Inés Salvado e Rocío Jiménez.
Tras un período simbólico de ausencia nos escenarios este reencontro con Guadi Galego constituíu unha oportunidade única para presenciar o traballo dunha das artistas máis relevantes da escena musical galega.