Pontevedra acollerá a rodaxe dunha película sobre Castelao
Por Oskar Viéitez
O director Miguel López, prepara a súa ópera prima, "Castelao vive en Pontevedra", unha longametraxe sobre os 20 anos da etapa pontevedresa do ilustre galeguista.
Este xoves presentouse este "documental ficcionado" que empezará a rodarse en setembro en localizacións como a praza de San Xosé, o Café Moderno, a rúa Oliva, a Peregrina, o Museo ou as prazas da Ferrería e A Leña.
No elenco de actores figuran como protagonistas Miguel Pernas, Uxía Blanco e Maika Braña que tamén asina o guión deste proxecto audiovisual que conta co apoio do Concello de Pontevedra a través da Film Comission.
O cineasta Miguel López explicou que a idea desta película naceu no ano 2000 da man do primeiro Roteiro Castelao, e agradeceu a confianza que están a depositar nel persoas como a cantante María do Ceo, que compuxo un tema especialmente para esta produción.
A película contará a historia de Virxinia (Uxía Blanco) e de Carmen (Maika Braña), dúas irmás que gozan un día en Pontevedra. Ao sacar unha foto de recordo na Praza de San Xosé, xunto ás esculturas que compoñen o antigo faladoiro, a figura de Castelao (Miguel Pernas) cobra vida ao escoitar o nome de Virxinia, xa que así se chamaba tamén a súa muller.
O guión xoga co paralelismo do tempo presente e a etapa entre 1916 e 1936 na que Alfonso Daniel Rodríguez Castelao viviu na cidade do Lérez.
A actriz Uxía Blanco celebrou esta iniciativa "xa que ninguen se atrevía a meterlle u dente aos pais e nais da nosa patria" unha idea na que coincidiu co protagonista da película Miguel Pernas quen insistiu na importancia de "reivindicar esta figura que é, para determinadas xeracións, un referente político e persoal".