'De Vilatriste a Vilalegre', do CDG chega a Meaño con motivo da celebración das Letras Galegas
Por Anxo Lourido
O Concello de Meaño contará con diversas actividades neste 2024 con motivo do Día das Letras Galegas.
O xoves 16 de maio, ás 20.00 horas, na praza do Concello vai desenvolverse a obra de teatro 'De Vilatriste a Vilalegre', protagonizada por Uxía Algarra Cajide e Roberto Casal Mouriño.
Trátase dunha obra con texto orxinai de Roi Vidal Ponte, con dirección de Sofía Espiñeira e Roberto C. Mouriño.
A montaxe é unha coprodución entre o Centro Dramático Galego (CDG) e a compañía Teatro ó Cubo, que se integra na xira do corenta aniversario do CDG, con distribución de espectáculos por máis de cen concellos galegos.
Xa na xornada do venres 17 de maio está previsto un concerto das Letras Galegas, baixo o título 'Sementes Musicais', con estudantes da Escola de Música de Meaño.
Está prevista a entrega de agasallos do concurso de Murais, Debuxos e Relatos.
O programa complétase cunha actuación da asociación cultural Penaguda, no Centro Social de Dena, ás 12.30 horas.