Nove artistas e agrupacións ofrecerán ata setembro "case 50 actuacións" por toda a provincia
Por Diego Espiño
Dende maio e ata o próximo mes de setembro un total de nove artistas e agrupacións participarán nun programa da Deputación de Pontevedra para "encher a programación cultural dos concellos".
Así, segundo recoñeceu Rafael Louzán, serán "case 50 actuacións" polas diferentes bisbarras e municipios, ocupándose a entidade provincial de financiar a contratación dos artistas, mentres o concello habilitará o espazo necesario para a celebración do evento correspondente.
Nesta iniciativa, complementaria ao Plan Cultural da Deputación, destínanse 150.000 euros e están incluídos profesionais como: Amancio Prada, Luis Emilio Batallán, Roi Casal, Treixadura, Maria do Ceo, Oscar Ibáñez, Gustavo Almeida, As Cantareiras de Ardebullo, Budiño, Carlos Blanco e Luis Dávila, representando os tres últimos un mesmo espectáculo, Menú do Día nas Prazas.
Aínda que a programación detallada non se fixo aínda pública, o presidente provincial avanzou que moitos dos actos coincidirán con datas como "o Día das Letras Galegas, o paso de la Vuelta Ciclista a España ou eventos tradicionais dos propios concellos".
As actuacións desenvolveranse nas prazas e auditorios municipais, pois como engadiu Luis Emilio Batallán "es una buena oportunidad para poner en valor todos los auditorios y teatros que se han construído".