Culturgal celebrarase do 5 ao 7 de decembro e incorpora na súa sétima edición entrada de pago
Por Redacción
Cuturgal, a Feira das Industrias Culturais de Galicia, xa ten datas para a súa sétima edición. Celebrarase entre o 5 e o 7 de decembro deste 2014 no Pazo da Cultura de Pontevedra e chegará cargada de novidades, que pasan por maior participación profesional, máis patrocinios privados e a apertura de novos espazos temáticos, entre eles, un dedicado á gastronomía.
Esta será a primeira edición con Manuel Bragado como presidente, en relevo de Xulio Amigo, e tamén a primeira na que se establecerá unha entrada de pago para o público xeral, despois de que o ano pasado se optara pola fórmula do pago voluntario que apelaba á corresponsabilidade do público. Esa entrada será de baixo custo: 1 euro para os menores de 12 anos, 2 dous para os maiores desta idade e un bono de 4 euros polos tres días da feira.
En canto ao contido, por primeira vez será habilitado un lugar específico dentro do recinto feiral de Pontevedra para a gastronomía como parte da cultura a través das novidades literarias, musicais e escénicas relacionadas co mundo da cociña e de espectáculos de show-cooking.
Baixo a Presidencia do tamén presidente da Asociación Galega de Editores, Culturgal quere seguir sendo reflexo das novas formas de operar na cultura, ademais de escenario de estreas e novos proxectos. En 2013 as 81 empresas e institucións que reservaron espazo na feira permitiron presentar novas liñas de traballo no ámbito cultural: crowdfunding, cooperativismo e emprendemento na contorna rural.
A Feira tamén quere medrar como escenario de encontros entre profesionais e sectores e este 2014 procurará reforzar vínculos con asociacións de profesionais do deseño gráfico, da ilustración e da tradución así como de escritores, actores e actrices, músicos, etc. O obxectivo é deseñar puntos de encontro no marco da feira involucrando a todos aqueles axentes e sectores que participan da actividade cultural.
Relacionadas:
-
O libro convértese en obxecto artístico nunha exposición en Culturgal
Por Redacción |
-
Cineuropa, Diario Cultural e Viñetas desde o Atlántico, candidatos ao Premio do Público Culturgal 2014
Por Redacción |
-
Culturgal 2014 será de pagamento e con eventos gastronómicos
Por Diego Torrado & Anxo Lourido |
-
Máis de 14.000 persoas visitaron Culturgal, consolidado xa como o máis sólido escaparate para a cultura galega
Por Redacción |