Primeiras confirmacións do Festival do Norte 2014: The Horrors, Lori Meyers ou Russian Red, entre outros
Por Redacción
Dúas semanas despois de confirmar o seu traslado á Illa de Arousa tras trece anos celebrándose en Vilagarcía, o Festival do Norte fixo público o nome das primeiras bandas que participarán na nova edición dun dos eventos musicais de referencia no noroeste peninsular. Segundo desvelou a organización, Lori Meyers e os británicos The Horrors serán os cabezas de cartel do festival, que este ano se celebrará os días 3, 4 e 5 de xullo.
Os granadinos Lori Meyers regresan ao cartel do Festival do Norte, onde estiveron en 2012. Fano aínda dentro da xira do disco Impronta, editado hai apenas un ano, e co que deron o salto a Latinoamérica. Pola súa banda, The Horrors, un dos referentes do garaxe rock británico, chegará ao festival con novo disco baixo o brazo. Trátase de Luminous, que sairá á venda o próximo mes de maio.
Ademais destas dúas bandas, o Festival do Norte confirmou que estarán na Illa de Arousa outros nove grupos. Trátase dos estadounidenses The Pains of Being Pure At Heart, Russian Red, o alter ego da madrileña Lourdes Hernández; Linda Guilala, El último vecino, Músculo!,The Wave Pictures, Veronica Falls, Austra e Satellite Stories. Este primeiro avance complétase con DJ Amable e Desconcerto DJ's.
Coincidindo con este avance do cartel, o Festival do Norte anuncia que as entradas se poñerán á venda o próximo 24 de abril. O aboamento anticipado para os tres días do festival, con acampada incluída, custará 35 euros o primeiro día. Entre o 25 de abril e o 31 de maio serán 45 euros, mentres que se se adquire a partir desta data supoñerá un desembolso de 50 euros. En despacho alcanzará os 55 euros. Poderanse adquirir en entradas.novagaliciabanco.es.
En próximos días iranse coñecendo o resto de grupos que completarán o cartel do festival, así como as diferentes actividades e espazos que o festival está a preparar para gozar do ámbito que lles acollerá a partir de agora. Unha renovación do concepto de festival que o leva máis alá e o converte na vivencia dunha experiencia para compartir con familiares e amigos, segundo os seus organizadores.