O Usmanov Classical Russian Ballet pon en escena 'A Bela Durminte' en Pontevedra
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
As dúas primeiras figuras do Russian Classical Ballet elixiron o vestíbulo do Centro Social de Novacaixagalicia en Pontevedra para ofrecer aos medios de comunicación un avance da peza clásica A bela durminte de Tchaikovski.
O centro cultural de Novacaixagalicia acollerá o día 29 deste mes de maio a función protagonizada por unha das compañías máis emblemáticas do ballet clásico ruso. As entradas para este espectáculo, non recomendados para menores de sete anos, están xa á venda a través das canles habituais da entidade.
Para abordar esta clásica obra, a compañía rusa coidou ata o máis mínimo detalle da súa produción, incluíndo tamén a dura selección dos seus integrantes, procedentes dalgúns dos centros máis recoñecidos do mundo.
O Russian Classical Ballet foi fundado en Moscú en 2004 por Hassan Usmanov, director artístico e bailarín principal da compañía. O grupo está formado por 32 persoas, entre artistas xa consagrados e por novos bailarins graduados na Academia de Ballet Bolshoi, a Academia Vaganova e outras escolas de danza de gran fama a nivel internacional. O Russian Classical Ballet realizou con éxito xiras tanto por Rusia coma polo estranxeiro en países como Austria, Alemaña, Suíza, Grecia, Ucraína, Xapón ou China.
Hassan Usmanov explicou que A bela durminte, a diferenza doutras grandes partituras que compuxo Tchaikovski, como O lago dos cisnes e O crebanoces, "é un espectáculo non só para maiores, xa que combina partes serias con outras máis divertidas. Ademais que veñan nenos ao teatro é un moi bo sinal".
O público que acuda a ver a función "esquecerá a crise para somerxerse nun mundo de sonos e fantasía que lles fará máis felices"
Usmanov prometeu que o público que acuda a ver a función "esquecerá a crise para somerxerse nun mundo de sonos e fantasía que lles fará máis felices".
O libreto orixinal de O bela durminte dura oito horas, pero neste caso reduciuse a un ballet de dúas horas repartidas nun prólogo e tres actos que "rebordan cor, fantasía e emoción".
A Compañía realizou xiras con éxito en Rusia e no estranxeiro. Segundo os responsables, a Compañía foi acollida "con entusiasmo" en Austria, Alemaña, Grecia, Finlandia, Israel, España, Ucraína, Xapón e outros países. Ademais de "A Bela Durminte" o seu repertorio está formado por obras clásicas como "O Lago dos Cisnes", e "O Crebanoces", "Giselle", "Cincenta", "Don Quixote" e outros ballets.
Relacionadas:
-
Oito promesas da danza pontevedresa aprenderán este verán dos mellores bailaríns do mundo
Por Redacción |
-
Ballet clásico e patinaxe sobre xeo nun inesperado 'O Crebanoces'
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
'A bela durminte" do Russian Classical Ballet marabilla o público pontevedrés
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
O Russian Classical Ballet presenta a peza clásica 'A bela durminte' de Tchaikovski
Por Redacción |