Oito promesas da danza pontevedresa aprenderán este verán dos mellores bailaríns do mundo
Por Redacción
Oito alumnos da Escola de Danza Vaganova de Pontevedra foron seleccionados para asistir ao Summer Intensive Course que se organiza este ano na cidade de Alacante. Trátase dun curso intensivo de verán organizado pola Vaganova School de San Petersburgo, unha das academias máis prestixiosas e importantes no mundo da danza.
Os bailaríns seleccionados superaron as audicións en liña nas instalacións da academia que dirixen Jean-François Seys e Inma Oltra o pasado 30 de xaneiro. Agora terán unha oportunidade única que lles abrirá as portas dunha carreira profesional no mundo da danza.
Este curso intensivo ten unha duración de tres semanas en Alacante e asistirán e impartirán clase os bailaríns e mestres mais importantes do mundo da danza clásica e contemporánea.
Ademais os oito bailaríns da escola pontevedresa foron seleccionados para o nivel Profesional e para actuar na gala final, que terá lugar no Teatro de Alacante o 24 de xullo cos bailaríns principais do Bolshoi Ballet, Stuttgart Ballet e Marinsky Theatre.
Unha mostra do mérito que teñen estes oito alumnos é que só foron elixidos para este curso 100 dos máis de 7.000 aspirantes de todos os países que se presentaron.
Os oito alumnos seleccionados, residentes en Pontevedra e con idades comprendidas entre os 14 e os 16 anos, son: Carlota Rodriguez Cid, Carmen Boullosa Conde, Claudia Rodriguez Cid, Olivia Gomez Seoane, Maria Roncero Vázquez e Iria Gonzalez Circiello, así como os bailaríns bolseiros da escola no programa Dance for Boys Alejandro Santomé Leiro e Alex Klaudio de Armas Mirabal.
Desde a escola explican que non é a primeira vez que os seus alumnos acoden a cursos tan prestixiosos como o de Alacante. "Outros anos xa foron bolseiros alumnos da Escola preparados por Jean- François e Inma e convidados ambos os profesores para ir aos Cursos Intensivos da prestixiosa Académie Princesse Grace de Mónaco, aos que asistiron en nove anos consecutivos e que que é considerada unha das mellores escolas de Europa e do mundo; así como tamén foi seleccionado e bolseiro un alumno para o curso en Nova York do American Ballet", explica a preparadora Inma Oltra.
Relacionadas:
-
O Ballet de Galicia presentará en Marín a peza coa que competirá en México
Por Redacción |
-
A danza clásica ábrese paso no Museo polo Día Internacional da Danza
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Pontevedra acolle a representación de A Bela Dormente do Ballet de San Petesburgo
Por Oskar Viéitez |
-
O Usmanov Classical Russian Ballet pon en escena 'A Bela Durminte' en Pontevedra
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O Russian Classical Ballet presenta a peza clásica 'A bela durminte' de Tchaikovski
Por Redacción |
-
400 bailaríns sacarán a danza ás rúas de Pontevedra polo seu día internacional
Por Redacción |