Nyman, Xoel López e o ballet O Quebranoces, pratos fortes no Pazo da Cultura neste trimestre
Por Anxo Lourido
Trinta rapaces de Pontevedra formarán parte do espectáculo O Quebranoces o vindeiro 28 de decembro. Trátase dunha montaxe de ballet na que participan a Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra e o Centro Coreográfico Galego e que foi creada exclusivamente para a súa representación no Pazo da Cultura. No espectáculo participará tamén o coro do Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga.
ÿ un dos eventos que o auditorio do Pazo da Cultura acolle no último trimestre dentro dunha programación musical que comezará o xoves 25 de outubro cun concerto acústico de Leiva, o cantante do grupo Pereza. En Pontevedra presentará o seu primeiro disco en solitario Diciembre.
Ao día seguinte, o Coro da Rá, unha formación vocal de 50 compoñentes que conta con 19 anos de historia, presentará o seu novo espectáculo titulado Non nos importa a fama!
A programación continuará coa actuación de Xoel López, o principal referente galego na música indie, ofrecerá un concerto cos temas de Atlántico, o seu novo traballo discográfico. Será o 9 de novembro.
O mércores 12 de decembro, Michael Nyman será o protagonista dun espectáculo de música en directo con video creacións. Baixo o título de Michael Nyman Solo & Cine Opera, o intérprete ofrecerá un concerto moi íntimo con algúns dos seus temas máis populares que formaron parte de bandas sonoras como as das películas O piano ou Gattaca.
O martes 1 de xaneiro rematará a programación co Concerto de Aninovo. Un programa composto por valses e polkas de Strauss, danzas de Brahm e vals de Tchaikovsky estará interpretado pola Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra e o Centro Coreográfico Galego.