O DOCBUEU aborda a dependencia petrolífera co documental Un cru espertar
Por Redacción
A dependencia do petróleo e as consecuencias da súa desaparición centran o filme que este venres 23 de novembro se proxectará no DOCBUEU. Trátase da cinta Un cru espertar: o colapso do petróleo, unha produción suíza dirixida por Basil Gelpke, Ray McCormack e Reto Caduff que analiza a catastrófica influencia que terá na economía mundial o esgotamento dos combustibles fósiles.
O filme realiza un percorrido polos principais puntos de interese do mercado do cru, desde os máis altos mandatarios da OPEP ata os novos lugares de extracción e sondaxe. Empresarios, políticos, economistas, catedráticos ou investigadores cítanse entre o impoñente elenco de entrevistados que expoñen a súa opinión neste documental.
Esta nova entrega do ciclo de documentais para combater a desinformación proxectarase ás 22:00 horas no Centro Social do Mar (Bueu) e a entrada é de balde. A programación de novembro pecharase o día 30 coa proxección de Operación Garzón, pero o DOCBUEU continuará os venres de decembro.
O ciclo está organizado pola produtora Melodía Visual, coa colaboración da Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) e do Concello de Bueu. Toda a información permanece dispoñible en www.facebook.com/DocBueu.