A Sala Caracol (Madrid), última parada de Sofá ambulante para gañar o festival MusicAula
Por Redacción
Os arousanos Sofá Ambulante están a tan só un paso de proclamarse gañadores do festival MusicAula, unha iniciativa que cumpre cinco anos e que trata de fomentar a música en directo nos centros escolares. O grupo, composto entre outros por David Bueno e Gabriel Varela do IES Castro Alobre, é un dos cinco finalistas do certame. A final celebrarase o próximo 5 de xullo na Sala Caracol (Madrid).
Lográrono grazas ao voto popular e á selección realizada por un xurado profesional. O seu paso á final produciuse despois de gañar a semifinal que tivo lugar na Sala Capitol (Santiago de Compostela). Cunha nota media de 7,82 puntos impúxose a outras dúas bandas galegas, Desgaste (Lugo) e Hellorice (Santiago), e outras dúas castelán leonesas, Jaula de cristal (Burgos) e Redoble de conciencia (León).
Agora na final, os seus rivais serán Blue Chicken (Cáceres), Impas (Almería), Input (Zaragoza) e Rosen's (Murcia), gañadores das súas respectivas semifinais.
O gañador da gran final gravará o videoclip da canción coa que concursan (no caso de Sofá ambulante, Cuando cerremos el telón), que se emitirá nas principais televisións musicais e portais da Internet. Ademais, actuará como teloneiro de Doctor Pitangú no concerto a bordo da terceira edición de Baleària Fun&Music, un exclusivo concerto en alto mar travesía Valencia-Palma, a finais de xullo.
Os cinco grupos estarán acompañados na final por unha banda profesional, Persé, un grupo galego que acaba de editar o seu primeiro disco, Las reglas del juego, que saíu á venda a finais da pasada primavera. A súa actuación neste festival forma parte da xira de presentación deste traballo, coa que están a percorrer todo o país dende o pasado mes de maio.
Ademais de David e Gabriel, encargados das voces e das guitarras, Sofá ambulante fórmano Manuel Rodríguez (batería e percusión) e Juan Garrido (baixo e efectos). Defínense como unha banda de indie-rock alternativo que combinan temas propios -en inglés e castelán-, con versións de grupos e artistas tan coñecidos polo gran público como Blur, Muse, Oasis, Lori Meyers ou Quique González.