Mogor presume de petróglifos na clausura do ciclo Monumenta 2014
Por Redacción
Monumenta 2014, o ciclo impulsado pola Consellería de Cultura para poñer en valor e dar a coñecer o patrimonio restaurado en Galicia, celebrou este sábado en Marín a súa clausura. O escenario foi o xacemento arqueolóxico de Mogor, un dos conxuntos máis destacados de Galicia polos seus gravados labirínticos. Foi unha xornada chea de iniciativas coas que se pretendía afondar no seu coñecemento.
As actividades comezaron cun percorrido a pé, desde a serra ao mar, atravesando por Mogor e o seu xacemento arqueolóxico, e que estivo guiado polo xeógrafo Juan López Bedoya. Canda este paseo, o alumnado do CEIP Carballal deu a coñecer os seus traballos realizados arredor dos petróglifos, nunha presentación que tivo lugar no exterior do centro de interpretación.
A última sesión de Monumenta 2014 continuou pola noite cun concerto entre sons naturais do Grupo de Música Tradicional da Agadic, co que Carlos Rilo, Xosé Lois Romero, Carlos Taboada e Daniel Romero introduciron ao público nas melodías tradicionais de Galicia.
Finalmente, e como peche do programa, os asistentes tiveron a posibilidade de descubrir os petróglifos coas explicacións expertas do arqueólogo Santiago Vázquez Collazo, nunha visita nocturna que deulle unha maxia especial a este conxunto arqueolóxico.