Carmen Domínguez expón a súa colección "Otoños Gallegos" en Sanxenxo
Por Ramiro Espiño
Carmen Domínguez Vaz nace en Pontevedra na década dos anos 50, unha muller emocional e pasional que trasmite a súa paixón mediante a riqueza expresiva das súas cores. A súa vocación pola pintura xorde á idade de cinco anos. Unha das cousas que lle apaixonou e lle segue apaixonando é o retrato: gústalle sacar o que a xente leva no seu interior. Algo constante en calquera etapa da súa obra, onde o xogo da luz e as emocións predominan xunto co dominio da cor.
A vida de Carmen Domínguez está marcada pola aprendizaxe constante, dende nena inculcóuselle o amor pola arte. Foron os seus pais que o obrigaron a estudar a carreira de Maxisterio. Non era seguro que unha muller pudíera vivir da arte. A pesar de todo, Carmen nunca deixou de pintar. Unha vez rematados os seus estudos de Maxisterio, pasou por distintas escolas, onde absorbe os consellos dos seus diferentes profesores, cos que discrepa en canto a formulacións artísticas, pero dos que aprendeu técnicas e procedementos que lle facilitaron no futuro encontrar a súa propia expresión. Non obstante ningún conseguiu que renunciase á súa linguaxe particular e que se sometese a un código de uniformidade.
En 1968 marcha a Paris a estudar francés, apuntándose como oínte na Escola de Belas Artes, onde descobre un mundo de liberdade, fóra das normas academicistas que nese momento se impartían en España. Na capital francesa absorbe as técnicas dos grandes mestres e encóntrase con toda unha serie de fórmulas descoñecidas, que lle abrirían novos camiños.
A comezos dos 80 viaxa a Rusia, alí entra en contacto co mundo pictórico do país, un mundo que lle marca pola súa forza impresionista, onde puido coñecer algúns talleres e analizar en profundidade o sentido relixioso das iconas. Admiradora de Picaso, Juan Gris, Miró, Mondrian, Paul Klee ou Kandisky, pero tamén de Velázquez e de Goya.
A evolución de Carmen Domínguez pode apreciarse claramente a través das distintas fases da súa obra. Dende o realismo máis académico, ata os grandes espazos abstractos dominados pola cor.
A artista pontevedresa, actualmente a cabalo entre a abstracción e a figuración abstracta, presenta nesta ocasión a súa colección "Otoños gallegos", unha serie de traballos sobre lenzo e óleo, que poderán admirarse, en Sanxenxo, en dúas exposicións consecutivas: a primeira delas no hotel Carlos I Silgar, na rúa Vigo, xa en marcha dende o 14 de xullo pasado e ata o 31 deste mesmo mes, para pasar a continuación ao Hotel Sanxenxo, no paseo da Praia de Silgar, a partir do 1 de agosto e ata o 15 do mesmo mes.
Cris S Villegas expón tamén a súa obra xunto coa de Carmen no hotel Carlos I Silgar e no Hotel Sanxenxo
En ambas as dúas exposicións, Carmen contará coa compañía doutra gran pintora como Cris S. Villegas. Natural de Aguilar de Campoó, esta artista, directora da escola de arte do Liceo Casino de Vilagarcía e Licenciada en arte pola Universidade de Salamanca, que presenta unha obra baseada, nunha pintura figurativa contemporánea.
A asistencia a ambas as dúas exposicións é absolutamente libre e gratuíta.