Unha exposición fotográfica na Biblioteca pon en valor o papel da muller galega no século XX
Por Redacción
A Biblioteca Pública de Pontevedra acolle ata o próximo 25 de outubro a exposición itinerante Mulleres século XX. Luces e sombras. Trátase dunha mostra organizada polo Arquivo Histórico Provincial de Lugo e que chega á cidade da man do arquivo pontevedrés.
Co obxectivo de difundir o patrimonio documental custodiado neste arquivo de xestión autonómica, a exposición pon en valor o papel da muller galega a través de fotografías que reflicten as condicións de vida, traballo e participación da muller galega entre os anos 30 e 80 do século XX.
O traballo e a participación na vida social de campesiñas, obreiras, mestras, costureiras ou nais están representados nesta exposición, que lle dá visibilidade ao esforzo continuado das mulleres galegas. As imaxes acompáñanse de textos de autoras clásicas como Concepción Arenal e historiadoras como Ofelia Rey Castelao e Serrana Rial García e apóianse nunha pequena escolma de publicacións sobre as mulleres.
A exposición permanecerá aberta de luns a venres de 9 a 21 horas, e o sábado de 10 a 14 horas.