A banda canadense The Sadies presenta o seu último disco, "Internal Sounds", na Sala Karma
Por Redacción
The Sadies chega a Pontevedra presentar o seu último disco, Internal Sounds. Farao este mércores 15 de outubro, a partir das 22.00 horas, na Sala Karma. A veterana banda canadense pretende marabillar o público pontevedrés coa súa habitual proposta musical, descrita polos organizadores do concerto como un híbrido de garage, psicodelia, rockabilly surf e bluegrass, unha música que non entende de reciclaxes.
No seu concerto en Pontevedra, The Sadies tocará tamén boa parte dos grandes éxitos da súa carreira, que comezaron alá por 1998. Dende entón convertéronse nunha das opcións máis fiables e admirables do rock norteamericano dos últimos vinte anos.
A súa música, segundo os críticos, é tan flexible e versátil por fóra como firme por dentro e non só serviulles para situarse entre os favoritos dos seguidores do rock de bota e gravata fina, senón tamén para converterse na banda de acompañamento por excelencia do country alternativo e arredores.
Non en van deron cobertura a nomes como Neko Case, Jon Spencer, Jon Langford, Andre Williams e John Doe, tanto en estudo como no escenario, sobre o que son estelares. Precisamente con Doe protagonizaron a súa penúltima xira por España, cando en outono de 2009 presentaron o seu álbum conxunto Country Club, dese ano.
Logo sacaron Darker Circles (2010), o noveno disco ao seu nome, especie de continuación do New Seasons que asinaron en 2007. Dous álbums coa colaboración na produción e composición de Gary Louris, de The Jayhawks, nos que bordaron as súas prestacións en estudo, saltando con apliques de frescura e profundidade de Johnny Cash a The Shadows e de aí ás músicas pre-Beatles que coagularon no rock'n'roll.
A tradución de Darker Circles ao directo por estes lares -en dúas quendas: setembro de 2011 e marzo de 2012- os mostrou en plena forma. A finais de 2013 publicaron o seu, ata agora, último disco, Internal Sounds, co que chegan a Pontevedra e a Ferrol.
As entradas para o concerto, que teñen un prezo anticipado de doce euros, pódense adquirir en Rei Zentolo Pontevedra, El Pequeño, Carnaby e www.ticketea.com. O día do concerto en despacho custarán quince euros.