Sanxenxo aposta polo cine galego: será pioneiro do circuíto 'Cinemas de Galicia'
Por Redacción
Cinemas de Galicia. ÿ o nome que recibirá o circuíto que ven de poñer en marcha a Consellería de Cultura. Trátase dunha nova rede municipal de espazos de exhibición cinematográfica que nace coa dobre finalidade de achegar o cine a aquelas localidades que non dispoñen de salas comerciais e de incrementar as posibilidades de distribución dos filmes galegos. Na súa fase inicial participará un concello por cada provincia.
No caso de Pontevedra será Sanxenxo. As proxeccións terán lugar no Pazo Emilia Pardo Bazán e as entradas para todas elas terán un prezo único de tres euros. Sumadas as butacas nos concellos de As Pontes, Foz, Carballiño e Sanxenxo achegaranse 1.232 novas butacas para o audiovisual galego.
Segundo explicou o conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez, a partir desta primeira experiencia, que se desenvolverá entre os meses de novembro e decembro, o circuíto "está chamado a medrar en número de socios municipais, a incrementar a cifra de público galego para os produtos audiovisuais e a ampliar a oferta cultural e de ocio en Galicia".
En canto ao desenvolvemento práctico do programa, que Cultura e Educación xestiona a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), o conselleiro explicou que esta primeira programación bimestral de Cinemas de Galicia incluirá a proxección en cada un dos catro concellos dun mínimo de oito películas, das que cando menos cinco serán galegas.
As proxeccións terán lugar no Pazo Emilia Pardo Bazán e as entradas para todas elas terán un prezo único de tres euros
Os programadores están a traballar xa na configuración das súas carteleiras, para o que terán á súa disposición un catálogo de 18 longametraxes de diferentes estilos e xéneros, entre eles 11 destacados títulos galegos como Inevitable, de Jorge Algora; La tropa de trapo en la selva del Arco Iris, de Álex Colls; El árbol magnético, de Isabel Ayguavives; Arraianos, de Eloy Enciso; O ouro do tempo, de Xavier Bermúdez; Costa da Morte, de Lois Patiño; 9 ondas, de Simone Saibene; A cicatriz blanca, de Margarita Ledo Andión; Meñique, de Ernesto Padrón; Los increíbles, de David Valero, e Encallados, de Alfonso Zarauza.
Esta oferta galega compleméntase con sete cintas europeas: 10.000 KM, de Carlos Marqués; Guillaume y los chicos, ¡a la mesa!, de Guillaume Galiene; Ida, de Pawel Pawlikowski; La gran belleza de Paolo Sorrentino; Le week-end, de Roger Michell; Madre e hijo, de Calin Peter Netzer; e Stockholm, de Rodrigo Sorogoyen.
VÍAS DE FINANCIAMENTO
Ademais de promover o hábito de ver cinema en pantalla grande, outra das finalidades desta rede é servir de complemento á actual oferta dos circuítos comerciais. As películas proxéctanse baixo condicións económicas de contratación estandarizadas, cun custo regulado de 300 euros por pase, de xeito que a produtora ou distribuidora que posúe os dereitos de explotación do filme percibirá a mesma contía que se a exhibición se realizase nunha sala convencional.
Respecto ao financiamento, a Consellería a través da Agadic asume a metade deste custo regulado para os oito pases obrigatorios que ofrecerá cada concello. Pola súa banda, os catro concellos participantes nesta fase inicial asumirán o 50% restante deses pases, así como o 100 por cento no caso das proxeccións que decidan facer a maiores no marco deste programa. A recadación da billeteira será integramente para os concellos.
Relacionadas:
-
"Ida", Oscar á mellor película estranxeira, abre unha nova edición do circuíto Cinemas de Galicia
Por Redacción |
-
"9 ondas" de Simone Saibene, primeira película da rede 'Cinemas de Galicia' en Sanxenxo
Por Redacción |
-
O Teatro Principal acolle a estrea en Pontevedra de "Encallados", película dirixida por Alfonso Zarauza
Por Redacción |
-
Volve a Festa do Cine: entradas a 2,90 euros en Vialia os días 27, 28 e 29 de outubro
Por Redacción |