O Ballet de Carmen Roche interpretará en Pontevedra pezas coreografiadas por figuras relevantes da danza
Por Redacción
A compañía do Ballet de Carmen Roche, unha das máis aclamadas do país, representará o seu último espectáculo en Pontevedra. Será este venres 7 de novembro, a partir das 20.30 horas, no Centro Social de Afundación. Trátase dunha montaxe chamada Timeless, na que os bailarines interpretan pezas coreografiadas por algunhas das figuras máis relevantes do campo da danza, desde Petipa ata Nacho Duato.
O Ballet de Carmen Roche pon en valor un programa que vai desde a danza clásica brillantemente executada á contemporánea máis vangardista, pasando polo estilo neoclásico propio de Nacho Duato.
As pezas clásicas que compoñen esta nova creación son O corsario, A bela durminte -ambas coreografías de Marius Petipa-, Mimi e Fredo -de estilo neoclásico de Tony Fabre, o gran coreógrafo recientemente falecido-, a peza contemporánea, Espazo incerto, realizada polo mozo Jordi Vilaseca, un dos creadores da danza máis vangardista, e, como remate final, o coreógrafo español máis universal, Nacho Duato, cedeu a peza Without words.
O Ballet Carmen Roche comezou a súa andadura profesional en 1998 da man da súa directora, a recoñecida mestra Carmen Roche, que conseguiu consolidar a compañía como unha das formacións máis estables e punteiras do noso país. A compañía aposta deliberadamente pola difusión das obras básicas do patrimonio do ballet clásico estando aberta a todas as linguaxes da danza.
As entradas para este espectáculo están á venda a través das canles habituais da entidade en www.servinova.com ou ben na billeteira telefónica no 902 504 500.