Caco Refojo, o pontevedrés que triunfa nos Grammy Latinos
Por Anxo Lourido
Caco Refojo é un pontevedrés de talle internacional no mundo da música. O seu traballo como enxeñeiro de son recibiu en 2010 un Grammy latino ao mellor disco tropical por 'El último trago' da artista Concha Buika. Catro anos máis tarde, Refojo volve converterse en protagonista da importante cerimonia musical. Nesta ocasión encóntrase nominado ao Premio á "mellor enxeñaría" polo traballo 'Promesas de tierra' de Javier Limón. O enxeñeiro explícanos a súa traxectoria musical e a súa reacción ao volver ser candidato a este premio que se entregará o próximo xoves 20 de novembro, mostrando todo o seu entusiasmo.
Caco Refojo: A verdade é que esta vez me fai máis ilusións pola categoría na que estou nominado xa que é especificamente polo meu labor profesional. "Mellor enxeñaría". Aínda que non me leve o premio xa estou máis que satisfeito.
PontevedraViva: En 2010 recibiches un Grammy latino polo mellor disco tropical tradicional pola mestura e masterización do disco de Concha Buika, 'El último trago'. Que supuxo para ti?
Caco: O meu labor nese disco foi a mestura e masterización. Á parte diso o disco tamén foi nomeado a Mellor gravación do ano pero nesa categoría non se chegou a conseguir o premio. E o que supuxo pódescho imaxinar... Un alucine, non o podía crer. De pequeno sempre dicías a broma de "cando gañe un Grammy... " e de súpeto ves que tes un! Agora só falta que caia o segundo para "fliparlo" máis.
PV: Cóntanos algún detalle sobre este proxecto 'Promesas de Tierra' de Javier Limón. Formúlase como unha proposta de vangarda musical. Que é o que che proporcionou?
Caco: Cando Javier Limón me explicou o concepto do disco e unha vez que tiven todo o material nas miñas mans, estaba a desexar poñerme a traballar no proxecto. Encantoume e collino con moita motivación xa que era un reto para o meu resaltar toda a sonoridade e riqueza do disco. Musicazos de Israel, Palestina, Xordania, España... Moitos deles son estudantes de Berklee College of Music, baixo a batuta de Javier Limón. Tiven que abrir a mente máis alá do que estaba afeita a facer e oir.
PV: Comentabas cando che deron o anterior Grammy que era como recibir un Oscar pero naquela ocasión non puideches acudir á gala. Con esta nova nominación, poderás asistir?
Caco: Gustaríame estar pero a verdade é que non podo ir. Sería unha viaxe lóstrego e Las Vegas non é que estea aí ao lado. Teño compromisos profesionais que non poden esperar.
PV: Como foron os teus primeiros contactos co mundo da música?
Caco: Producíronse en Pontevedra. Xa de pequeno andaba metido con amigos, con grupos folks onde tocaba o meu irmán... gravando cousas moi caseiras ata que, pouco a pouco, xa decidín dedicarme a iso profesionalmente empezando por irme a Barcelona a estudar e traballando logo nun estudo de gravación en Pontevedra. Resido, dende hai 9 anos, en Madrid traballando como enxeñeiro de PKO Studios.
PV: E poderías explicarnos brevemente, para os menos entendidos na elaboración dun traballo discográfico, en que consiste o traballo dun enxeñeiro de son durante unha gravación?
Caco: Pois basicamente es o que deseña o son dun disco. Tomas a decisión de con que micros vas gravar, a súa colocación, aparataxe... Todo iso dependendo do estilo musical ao que te vaias enfrontar e a sonoridade que queiras plasmar. Podería estar a falar sobre isto horas...
PV: Ao longo da túa carreira en PKO, traballaches con algúns dos máis importantes artistas nacionais. En que proxectos estás embarcado actualmente?
Caco: Dos que poida contar... Pois no próximo disco de Rosendo (Directo de Las Ventas). No traballo que sacará en breve a artista flamenca María Toledo. Fai non moito tempo rematei o traballo dos pontevedreses Jhonander, Random Thinking, Pablo Lesuit, o rapeiro Sua, musical La Kalabaza de Pippa... Non me podo queixar, ultimamente non paro.
PV: Entre grandes estrelas, tamén destaca a súa relación con traballos discográficos de Miguel Bosé.
Caco: En PKO fixemos 'Papito', 'Papitour', 'Cardio', 'Cardiotour' e tiven a sorte de traballar cos seus enxeñeiros (Peter Walsh, Andy Bradfield, Pepo Sherman...) cos que puiden aprender moito. Bosé é todo un profesional, con moita experiencia, unha gran persoa e moi atento con toda a xente que traballa con el. Todo un señor.
PV: Por certo, vés algunha vez por Pontevedra? coñeces proxectos como o Local de Música para promover grupos locais?
Caco: Claro que vou por Pontevedra. Toda a miña familia e amigos son de aí e en canto podo escápome a facer unha visita. Coñezo o Local de Música, teño amigos vinculados ao proxecto e sígoos por Facebook. ÿ moi bo o labor que fan. Ogallá houbese máis proxectos así.