Monicreques e música únense para ofrecer unha nova versión de 'Pedro e o lobo'
Por Diego Torrado
A compañía Fantoches Baj, acompañada da Banda de Música de Pontevedra, estrearon o espectáculo 'Pedro e o lobo', unha nova versión do conto orixinal musicado polo autor Sergei Prokofiev. O Teatro Principal acolleu este domingo 23, dentro do ciclo Concertos en Familia, a posta en escena desta montaxe que combina música en directo cun traballo de marionetas repleto de imaxinación empregando a técnica do Bunraku.
A historia encóntrase adaptada aos nosos tempos co protagonismo de Pedro e Irati, un matrimonio que conta cun parque temático no que se recrea en miniatura un circuíto dun antigo tren a vapor. A través desta escenografía nárrase a historia de como Pedro cazou o lobo para facerse o valente e de como foi convencido para que lle perdoase e puidese volver ao bosque.
Esta versión conta con referentes galegos e ademais considera unha introdución e un final con variacións do texto orixinal. O espectáculo está dirixido por Juan Lois Diéguez.