Fantoches Baj estrea 'Pedro e o Lobo' cun final alternativo o 23 de novembro no Teatro Principal
Por Redacción
A compañía Fantoches Baj, coa colaboración da Banda de Música de Pontevedra, estreará o domingo 23 de novembro no Teatro Principal unha nova versión do espectáculo Pedro e o Lobo, que incluirá unha introdución e unha escena final diferente ao que se recolle no orixinal.
Durante este venres, no concello de Pontevedra o director do espectáculo, Inacio Vilariño, e o músico Benxamín Otero explicaron, acompañados pola concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, que se trata dun espectáculo musical de marionetas no que se traslada a historia a un contexto galego e case actual ambientándoo en Monte Furado.
A proposta tamén se diferencia do clasico ao situar a acción nunha estación de tren pechada na que se contan situacións de superación, vinganza, medo ou amor, baixo a defensa do lobo e da necesidade de valorar a natureza.
Ana Fraqueira, da Banda de Música de Pontevedra, sinalou que non é a primeira experiencia destas características que afronta a banda despois da representación de Pombas do Carboeiro tamén coa compañía Fantoches de Baj e afirmou que este tipo de propostas resultan moi produtivas para a formación musical e para o público.
O espectáculo, englobado dentro da actividade Concertos en familia, está dirixido para nenos maiores de 4 anos e tamén para adultos. As entradas poden adquirirse en servinova.