Retratos dun barrio de Tokio, protagonistas da exposición en Pontevedra do fotógrafo xaponés Hiroh Kikai
Por Redacción
A Sala X da Facultade de Belas Artes acolle desde este xoves a primeira grande exposición individual fóra do seu país natal do fotógrafo xaponés Hiroh Kikai. Nela poderemos contemplar o seu traballo co proxecto Retratos de Asakusa, iniciado no ano 1973 e que continúa na actualidade, no que retrata coa súa cámara ás persoas que viven ou pasan por este céntrico barrio de Tokio.
De todo ese traballo xurdiron centos de retratos, dos que a comisaria xaponesa Noriko Euku seleccionou medio centenar para dar forma a esta exposición, que ata hai uns días se podía ver no centro cultural Tabacalera de Madrid.
Rematada a súa etapa na capital, xurdiu a posibilidade de traer á Facultade de Belas Artes esta mostra organizada polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, o que foi visto como "unha oportunidade" polo coordinador da Sala X, Ignacio Barcia, que incide en que se trata "dunha exposición de moita calidade".
Escenario principal da actividade cultural de Tokio durante boa parte do século XX, Asakusa é tamén o distrito no que se atopa o turístico templo de Senso-Ji, o que contribúe a definilo como un "barrio con forte personalidade, diverso e vital", como salienta Barcia, que incide no "representativo" da selección de fotografías realizada para achegar a España un proxecto no que Kikai "leva metido máis de 30 anos".
De feito, na mostra conviven fotografías realizadas en tres décadas diferentes, que, non obstante, manteñen unha serie de sinais de identidade. "O fondo é sempre o mesmo, as paredes do templo e os retratados son as diferentes personaxes que van pasando por alí", relata Barcia. Nelas trata de reflectir en imaxes a personalidade dun barrio definido pola súa diversidade e vitalidade.
"O que máis chama a atención é que é moi respectuoso coas persoas que fotografa, de tal forma que un percibe a personalidade de cada un, non hai ningunha impostura nin pretende forzar o punto de vista", engade o coordinador da Sala X.
A mostra permanecerá en Pontevedra ata o 20 de febreiro.