Dúas licenciadas en Belas Artes reflexionan sobre o paso do tempo na Sala X
Por Redacción
Marta Cerviño e Maya Kapouski -seudónimo de Lucía García- son dúas licenciadas en Belas Artes que este xoves regresaron á facultade pontevedresa. Súas son as fotografías que compoñen a selección que integra a mostra Retratos e silencio (case branco), que se pode visitar ata o próximo 3 de xullo na Sala X.
Nela, estas dúas artistas reflicten a súa vontade de converter o seu día a día na base da súa obra fotográfica, de atopar a beleza no cotián. Todo iso a partir dunha reflexión sobre o paso do tempo, sustentada no seu ámbito máis próximo, como salientou a comisaria da exposición, a decana do centro, Silvia García.
Ambas traballan actualmente na súa tese de doutoramento e expoñen por vez primeira en Pontevedra. "O ánimo desta exposición é falar dos silencios espazos domésticos", apuntou Maya Kapouski sobre esta mostra que combina dúas visións diferentes pero complementarias arredor da realidade cotiá, articuladas en base "a unha especie de diarios visuais".
Non en van, as fotografías que se reúnen en Retratos e silencio (case branco) representan a familiares, amigos ou viaxes destas dúas artistas nunha serie de imaxes que "a pesares de ter puntos moi distantes, combínanse moi ben", como salientaron na presentación.
Con esa filosofía de "tentar ver o belo en todas partes ou converter calquera cousa en algo belo", Kapouski reúne nesta mostra dúas series, unha con imaxes en branco e negro e outra con fotografías en cor, que colocou neste espazo expositivo "como un mapa que permite un diálogo entre elas, dándolle outra lectura as imaxes, que se crea pola relación entre elas".
Marta Cerviño, colaboradora de PontevedraViva, pola súa banda, achega dúas series de fotografías e un vídeo a unha exposición que mantén un fío común, o de "atopar a beleza no que nos rodea". Neste senso, esta titulada incide coa súa obra no valor "desas cousas nas que normalmente non nos fixamos".
Deste xeito, Cerviño formula coa súa obra unha sorte de "herdanza do meu paso pola vida, tanto para a miña familia como para o resto de persoas", na que, relata, "tratas de atopar a beleza neses momentos cotiás ou naquilo, como é o caso das flores, que para moita xente supostamente non ten valor".