"Nos meus zapatos", un espectáculo para escolares sobre o poder integrador da danza
Por Mónica Patxot
O Centro Social de Afundación en Pontevedra acolleu este mércores a representación para escolares do espectáculo Nos meus zapatos, interpretado pola compañía de danza da Fundación Igualarte. Un total de 455 nenos e nenas de centros educativos da provincia de Pontevedra participaron nesta nova actividade do programa Di-versión-arte, a nova liña da entidade que integra cultura e diversidade a través de distintas disciplinas.
Nos meus zapatos é un espectáculo da compañía de danza de Igualarte, entidade que traballa o desenvolvemento artístico en persoas con capacidades diferentes. Ao longo de cincuenta minutos, os dez integrantes deste grupo expresan, a través do baile, "a dificultade de encontrar, neste mundo de présas e globalización, o espazo axeitado para recoñecernos e para ser recoñecidos polos outros".
Trátase dun espectáculo de expresión corporal no que os artistas buscan a propia identidade e invitan o espectador a unha reflexión interior sobre a forma na que nos vemos e sobre como nos queremos ver. A música que acompaña ao espectáculo é capaz de xerar unha atmosfera actual e intensa que propicia os sentimentos encontrados e empurra á reflexión. Está composta por temas de Orbital, Johnny Flynn, Chicks on Speed, Kroke ou Balkan.
A Fundación igualarte é un centro ocupacional artístico que traballa con persoas con capacidades diferentes en aulas educativo-artísticas, de danza, artes plásticas, música, estudo de ensaio e gravación, aula de arte infantil e ximnasio. Ten como obxectivo a profesionalización da arte entre as persoas con discapacidade intelectual, potenciando as habilidades individuais e sociais.
Relacionadas:
-
Bailaríns con diversidade funcional reflexionarán sobre a comunicación a través da danza
Por Redacción |
-
Máis de 2.400 alumnos asisten a ver Os Narigudos da compañía Tanxarina Títeres
Por Redacción |
-
Os 'Contos de Titiritrapo' sorprenden gratamente os escolares de Pontevedra
Por Mónica Patxot |
-
"Pinocho, el gran musical" e "Os tres porquiños", teatro e música en familia en Afundación
Por Redacción |
-
Escolares pontevedreses degustan un divertido "cocido sinfónico" en Afundación
Por Mónica Patxot |
-
Afundación presenta unha ampla programación de actividades escénicas para escolares de Pontevedra
Por Redacción |