A compañía de Víctor Ullate mostrará a súa visión de "El arte de la danza" no Pazo da Cultura
Por Redacción
A danza é un mundo de sensacións e emocións, un abano de disciplinas que teñen en común a sensibilidade e a liberdade de movemento, unha forma de expresarse diferente, universal, que une culturas máis alá das palabras. Ese é o espírito que pretende reflectir o espectáculo El arte de la danza, que a prestixiosa compañía de Víctor Ullate ofrecerá este venres 12 de decembro, a partir das 21.00 horas, no Pazo da Cultura de Pontevedra.
Sobre o escenario haberá un corpo de danza de 19 bailaríns que interpretarán dende pezas clásicas a temas de artistas como Bebe, Caetano Veloso, Massive Atack ou da banda sonora da película Gilda.
Neste espectáculo, creado polo propio Víctor Ullate xunto a Eduardo Lao, preténdese destacar "a importancia do único elemento, sen o cal a danza sería imposible, o bailarín", segundo trasladan dende a propia compañía.
A obra subliña como este se especializa en calquera das múltiples tendencias ou estilos, "para desenvolver unha das artes máis completas e universais que o ser humano pode crear, partindo do elemento ou instrumento máis perfecto que a natureza creou, o corpo humano,".
Ademais, El arte de la danza mostra os distintos matices e características que estes dous coreógrafos captan de cada elemento.
O mesmo día do espectáculo, entre as 14.00 e as 15.30 horas, terá lugar o ensaio xeral ao que poderá asistir o público que comprase a súa entrada. Están dispoñibles en venda anticipada a un prezo único de 25 euros e, en caso de non se esgotar, poderanse adquirir dúas horas antes da función no despacho do Pazo da Cultura.
Relacionadas:
-
Ballet clásico e patinaxe sobre xeo nun inesperado 'O Crebanoces'
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O Ballet Carmen Roche mostra o seu repertorio no auditorio de Afundación
Por Redacción |
-
'A bela durminte" do Russian Classical Ballet marabilla o público pontevedrés
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |