Comeza o XII Seminario permanente de jazz en Pontevedra
Por Anxo Lourido
O rostro de John Coltrane, pensativo na portada do lendario Blue Train, é a imaxe do cartel do Seminario permanente de jazz para a súa duodécima edición. Non podía haber mellor padriño para unha cita que segundo expresa Luis Carballo, responsable da organización, se converteu nun referente de categoría internacional para a música jazzística.
Na anterior edición, máis de cincuenta alumnos sumáronse a estas clases organizadas baixo o sistema de combos. Un método de formación, centrado na interpretación en conxunto, que xa deu os seus froitos. Deste seminario saíron músicos como Virxilio Da Silva, Iago Fernández, Xan Campos, Javier Pereiro ou Pablo Castaño. Todos eles formaron os seus propios grupos e participaron nalgúns dos principais festivais de jazz que se desenvolven na península.
Nesta ocasión, o premiado pianista de Santiago de Compostela Abe Rábade e o contrabaixista de Arousa, Paco Charlín, serán os encargados de impartir as clases.
As sesións de combos estenderanse ata o mes de xuño.