Is Tropical fai vibrar á Sala Karma de Pontevedra cun concerto cheo de enerxía, ritmo e boa onda
Por Alejandro Espiño
Era un dos concertos máis esperados en Pontevedra neste arranque de 2015 e, dende logo, cumpriu de sobra as expectativas. Tras iniciar en Barcelona unha pequena xira por España, os británicos Is Tropical chegaban este sábado á Sala Karma co propósito de presentar ao público pontevedrés a súa proposta de indie electrónico, unha das máis interesantes que xurdiron no Reino Unido nos últimos anos.
E vaia se o lograron. Dende que soaron os primeiros acordes de Crawl, a canción coa que o cuarteto londiniense abriu o concerto, o público que abarrotou a Sala Karma non parou de bailar. Foi, en parte, grazas á enerxía que demostraron sobre o escenario os catro compoñentes da banda, Simon Milner, Gary Barber, Dominic Apa e unha Kirstie Fleck que espertou paixóns entre o público.
Durante a hora e media de concerto, Is Tropical foi debullando as cancións dos seus dous primeiros discos -Native To (2011) e I'm Leaving (2013)-, aínda que tamén houbo tempo para que a banda presentase catro cancións novas: On my way, Cruise control, Fall e Lights On, que formarán parte do próximo disco do grupo londiniense, Black Anything, que editarán o próximo mes de agosto.
Foi un concerto cun repertorio ben construído, que soubo moverse á perfección entre os momentos máis tranquilos, temas como Cry ou Lover's Cave, e aqueles que fixeron vibrar o público como The Greeks ou South Pacific. Especialmente cando a banda encadeou tres das súas cancións máis coñecidas Lies, Land of the Nod e, sobre todo, Dancing anymore, coa que a Sala Karma rozou o delirio e se desatou a euforia dos seus seguidores.
Tras un breve receso, Is Tropical regresou ao escenario para interpretar tres cancións máis e concluír con Seasick Mutiny, canción durante a cal a banda permitiu ao público subir con eles a tocar. Foi un convite que se lles foi lixeiramente das mans ante a gran cantidade de xente que, a esas horas xa da madrugada, aceptou unirse a eles. A pesar diso, lograron rematar o concerto e deixar os seus fans con ganas de máis.
MÿSCULO! COMO TELONEIROS
Xunto a Is Tropical, a Sala Karma recibiu tamén aos pontevedreses Músculo!, que foi a encargada de quentar o público antes dos británicos. Durante aproximadamente media hora, a banda de Valga presentou varias das súas cancións, toda elas tamén de estilo indie electrónico. Demostraron que son un grupo que está feito para o directo, cunha proposta contundente e efectiva que gustou ao público.