Villanueva: "O de Pontevedra será un concerto especial. Querémolo pasar ben, pero tamén arriscar"
Por Alejandro Espiño
Hai pouco máis dun ano, Martynez -a anterior banda de Josete Díaz- anunciaba a súa separación. Pero todos os que coñecían este vigués sabían que non podería moito tempo afastado da música. Dende ese momento púxose a preparar novas cancións que, meses despois, quixo editar baixo o nome de Villanueva, o seu segundo apelido. O que non esperaba é que ese primeiro disco se ía converter nun dos álbums máis destacados do ano.
Con ese disco, Viajes de ida (Esmerarte, 2014), chega ao Pequeño Karma este xoves 5 de febreiro (22.00 horas). Os pontevedreses gozarán en directo por primeira vez dun traballo no que certas pasaxes se achegan tanto ao rock máis elegante coma ao pop máis ácido e descarado. Iso si, nesta entrevista con PontevedraViva avanza que este concerto na nosa cidade será unha actuación "especial" por varios motivos.
Por que defines así este concerto en Pontevedra?
Con Villanueva nunca estivemos en Pontevedra e eu persoalmente tampouco vin moito cos meus outros dous proxectos anteriores. E sempre fai ilusións tocar preto de casa. Pero sobre todo porque en lugar da banda completa, vimos cunha proposta acústica a dúo: Tarci Ávila e eu. Entre os dous, doadamente tocaremos uns dez instrumentos e nalgún momento ata o faremos con todos á vez. Querémonolo pasar ben, pero tamén arriscar e facer gozar á xente.
Para todos aqueles que non coñezan a Villanueva, como describirías a proposta musical que ofrecedes?
Non ofrece nada diferente ao que hai xa na música actual, pero si apostamos por cancións que son normais, con letras que son normais e que contan historias que poden sucederlle a todo o mundo. Eu definiríao como un disco pop rock, porque ten moita melodía e guitarras acústicas pero tamén o punto suficiente de escuridade. Eu creo que encontramos un bo equilibrio.
"Eu definiríao como un disco pop rock, porque ten moita melodía e guitarras acústicas pero tamén o punto suficiente de escuridade"
Este primeiro disco chámase Viajes de ida, por que ese nome?
Tiven o tempo suficiente mentres compoñía as cancións para darlle voltas á cabeza buscando un nome. Decidinme por este porque realmente entendía que todo na vida é unha viaxe de ida. Mesmo o de volta non deixa de ser unha viaxe de ida cara ao punto de partida. E cando lle pos o teu apelido ao grupo non hai volta atrás. Eu sempre me deixo levar, non me preocupa o que vaia pasar despois. Iso é no que pensaba cando elixín o nome.
Un traballo que se caracteriza, como dicías, por reunir cancións que falan sobre situacións cotiás. Cres que iso axudou a que a xente o recibise tan ben?
Cando un non se volve tolo e escribe só sobre cousas habituais e non sobre extraterrestres e historias inverosímiles, é máis doado que a xente note esas cancións como algo máis próximo. Que poida dicir, iso pasoume a min. Algún amigo chegoume a preguntar se algunha das miñas cancións falaba del (risas). ÿ normal que pase iso. Todo o mundo pasa polas mesmas alegrías e as mesmas desgracias: os cambios na vida, a soidade, irse dun sitio a outro... iso axuda a que cheguen ao público.
Estás contento coas críticas que recibiu o disco?
Moi contentos. Non esperabamos todo isto. Un séntese como un privilexiado, porque non fixen nada para merecer esta sorte. ÿ inxusto ver como grupos que teñen unha gran calidade non teñen a mesma repercusión que tivemos nós e non o digo por quedar ben nesta entrevista. O primeiro sorprendido co que nos pasou son eu. Xamais teriamos imaxinado lograr todo o que fomos conseguindo. Sabía que en directo ía soar ben, porque tiñamos traballando moito, pero a acollida que tivemos é incrible.
Non es un recén chegado á música, pero neste grupo asumiches a responsabilidade de liderar o proxecto. Supón máis presión para ti?
Non é a primeira vez (ri). Hai certas cousas das que sempre me encarguei noutros proxectos e estiven moi enriba dos meus compañeiros. Quizais foi iso o que precipitou nalgún modo que xurdise Villanueva. Eu sempre estaba a voltas coas cancións, buscando concertos, pegando carteis, pendente das redes... o que fai un neno con 20 anos facíao eu con 30. Estaba 24 horas pensando no grupo e outros non. Por natureza sempre estou pendente de todo. Agora con máis motivo, claro.
E rodeácheste moi ben, non só pola banda. Contas con Ángel Luján como produtor e coa colaboración de grandes músicos como Ramiro Nieto, Carlos Sosa, Javier Doria, ÿscar García...
Tiven sorte. Non é máis que iso. Nun momento da miña vida funme a vivir a Madrid durante tres meses e presentouse a oportunidade. Fun coñecendo xente que me ían presentando e colaboraba con eles. Cando gravei o disco quixeron axudarme. Aínda agora falamos habitualmente, sempre estiveron moi pendentes do novo, que era eu. Son uns compañeiros fantásticos, senten o proxecto como seu ao telo gravado e preocúpanse de ver como van indo as cousas. Estou moi agradecido.
E como se presenta este ano 2015 para Villanueva?
Pois tocando, igual que rematou o anterior. Nunca tiven moi claro o que me ía suceder a tres meses vista e nese sentido nada cambiou. Seguirei xirando co disco e malo será que non consigamos estar nalgún festival de verán. Estarei centrado niso e en compoñer xa novas cancións.
"O primeiro sorprendido co que nos pasou son eu. Xamais teriamos imaxinado lograr todo o que fomos conseguindo"
Non sei se no medio deste vórtice tes tempo para ver e escoitar outras propostas musicais. Cres que a música, a nivel creativo, está nun bo momento?
Dende logo e sobre todo en Vigo, que é de onde son eu. Eladio y los Seres Queridos é para min como un primo irmán, pero hai outros moitos proxectos que me gustan. The Right Ons tamén é unha banda moi boa. A escena musical está a sacar grupos constantemente e cada vez son mellores e de máis calidade. A música alternativa estase a profesionalizar como nunca antes e iso a pesar de que hai máis impedimentos que nunca.
E á crise, ao IVE... súmase agora as trabas que algunhas cidades están a poñer ás salas que ofrecen música en directo, non?
Iso non ten sentido ningún. Queren destruír as raíces deste país e están a empezar pola cultura. Estanse a cargar un piar importante da nosa identidade. Esta xente non quere o seu país. E á marxe disto, dá a sensación de que hai certas persoas que ven mellor que certo sector da sociedade estea máis pendente de Gran Hermano e produtos similares a que se interesen polos libros ou pola música.
Que pensemos o xusto...
ÿ que nos teñen completamente alienados. Non sei se o fan a propósito porque queren destruír o país e irse a vivir a outro sitio. Cada día que pasa imos a menos. Estannos a quitar todo tipo de tradicións. Se xa case nin te deixan facer licor café na túa casa... trátante coma se traficases con dous quilos de cocaína. Paréceme ben que haxa certo control, pero temos que conservar a nosa identidade e estes están a cargarse todo. Alá eles, quédanos loitar.