Aumentan os grupos de pop-rock no plan cultural da Deputación
Por Oskar Viéitez
O Plan Cultural da Deputación de Pontevedra acadou este ano, por primeira vez, a cifra de 1.302 agrupacións participantes, según informaron en rolda de prensa o presidente da Administración Provincial, Rafael Louzán, e a deputada Ana Vázquez.
Os aumentos máis significativos foron nas categorías de grupos e pop-rock (pasan de 15 a 34), os grupos de gaitas (de 141 a 148), os grupos folk (de 65 a 74), e os de teatro (de 29 a 37). Outro grupo que aumenta ano a ano é o da animación infantil.
Louzán sinalou que co plan a Deputación busca potenciar os efectos positivos da cultura no crecemento económico e na cohesión social da provincia e destacou que o Plan Cultural é unha iniciativa referente en Galicia desta estratexia porque conserva a cultura tradicional e promove a práctica de novas correntes creativas.
Este plan está profundamente enraizado na vida cultural da provincia en dous planos, o da propia participación dos grupos e o da celebración de máis de 2.000 actuacións nos distintos pobos e vilas, de feito, sen o Plan moitos lugares da provincia non poderían dispór de ningunha actividade cultural.
Os grupos que se acollen ao plan cultural da Deputación pasan de 1.244 en 2014 a 1.302 na edición de 2015.
Louzán anunciou que, a finais de marzo, espera asinar un convenio con grupos musicais de gran traxectoria como o realizado o ano pasado con Amancio Prada, Luis Emilio Batallán, Milladoiro, Treixadura e outros. A pretensión é que actúen en distintas localidades da provincia de Pontevedra.