The Grave Dolls recorre ao 'crowfunding' para gravar "The Rise Of The Phoenix", o seu segundo disco
Por Alejandro Espiño
The Grave Dolls volve recorrer ao 'crowfunding' para financiar a gravación dun disco. Tras logralo con éxito para editar Calypso, o seu primeiro CD, a banda pontevedresa decidiu facer o mesmo para asumir os custos de gravación do seu segundo traballo discográfico: The Rise Of The Phoenix.
A intención do grupo é alcanzar os 4.000 euros que lles custa gravar e editar este novo disco. Foi gravado durante os días 20, 21 e 22 de marzo nos estudos Sá da Bandeira de Oporto. Nesta ocasión, sinalan dende a banda, "queriamos que o proceso fose o máis fiel ao noso son en directo, así que o disco se gravou completamente en directo e en analóxico,".
Ademais, no referente á edición en vinilo explican que " imos a facelo do xeito máis artesanal posible, traballando coas nosas propias mans no deseño de cada funda do disco", ao que engaden que as portadas serán serigrafiadas a man, así como o traballo de acuñado e 'stamping'.
Para eles, The Rise Of The Phoenix "é un proxecto moi especial e que nos fai moita ilusións sacar adiante", xa que sinalan que a única axuda que van recibir será a das propias persoas que decidan achegar o seu granito de area nesta campaña de crowfunding, coa que recadaron xa case 3.000 euros.
The Grave Dolls, formado por Luis Otero, Alex Marban, David Regueiro, Alexandre Lebowski e Nathan Barnacle, é un grupo de blues/rock psicodélico. O seu estilo é puramente setenteiro, enérxicas guitarras, voces esgazadas... toda unha descarga de adrenalina. Os seus concertos están repletos de momentos intensos e pasaxes lisérxicos que fan que a experiencia do directo sexa como volver ao Londres de hai 40 anos.
O obxectivo de banda é ter finalizado o disco a finais do próximo mes de maio.