Este sábado no Sexto Edificio do Museo: "Casting tour", de Pinga Teatro
Por Oskar Viéitez
O Sexto Edificio do Museo de Pontevedra programa para o próximo sábado 11 de abril ás 20.00 horas a obra de teatro Casting Tour, de Pinga Teatro.
Casting Tour, protagonizado por María Carrera, Miquel Condal e Xosé Manuel Conde, é un espectáculo que ofrece as probas de actores e actrices para unha telenovela de 400 capítulos con todas as linguas da península e subtítulos en inglés.
A comedia conta a historia dun representante do téxtil catalán que viaxa por toda a península en busca da diversidade interpretativa e non contaminada. Para iso, intentará encontrar en todos os pobos e lugares da pel de touro, un sistema innovador, tanto na produción do casting coma na realización deste, un risco que poucas producións asumirían.
A entrada será libre ata completar aforo, logo de retirada do billete na recepción do Sexto Edificio.
Pinga Teatro fundouse profesionalmente no ano 2001. A súa primeira montaxe titulábase Historias breves, un ano máis tarde, en outubro de 2002, levaron a escena Ligazón, de Valle Inclán e a partir de aí outras obras e espectáculos infantís e para todos os públicos, que representaron en varios puntos da comunidade.