Comeza en Ciencias Sociais a rodaxe da curta 'Desde dentro' do pontevedrés Samuel Lema
Por Redacción
Os alumnos de Comunicación Audiovisual vivirán durante estes días unha experiencia cinematográfica sen necesidade de saír da Facultade de Ciencias Sociais do campus pontevedrés. Alí, o director Samuel Lema roda unha curtametraxe que leva por título 'Dende dentro', un thriller que se desenvolve na cidade do Lérez.
Neste traballo, financiado pola Pontevedra Film comission, participan dúas tituladas en Comunicación Audiovisual, Anxos Fazáns e Alba Iglesias, como parte do equipo e conta coa implicación tamén de alumnado do centro, que colabora con esta produción, tanto exercendo de figurantes como na realización dalgunha das escenas, segundo publica o DUVI.
A través desta rodaxe, os alumnos poden aprender durante cinco días como as rutinas de traballo que se lles ensinan no centro contan con aplicación práctica e profesional. O equipo que desenvolve este proxecto encóntrase formado por preto de 30 persoas, entre repartición actoral e técnicos. Actores como Xoque Carbajal, Sabela Arán, Nerea Barros, Xavier Deive ou Nani Matos participan neste proxecto.
A historia preséntase como unha "especie de falso documental", segundo o director, guionista e produtor pontevedrés Samuel Lema e narra a historia dun psicópata descoñecido que se converte nun auténtico personaxe mediático, polo que se encarga a un director sen traballo a realización dunha película sobre a identidade real do asasino.
Relacionadas:
-
Samuel Lema preestrea a curtametraxe "Desde dentro" no Teatro Principal
Por Redacción |
-
Anabel Gulías comprométese a manter a Film Commission na presentación de 'Wendylad is dead'
Por Anxo Lourido |
-
Alfonso Zarauza, Carlos Iglesias e Uxía Blanco, principais atractivos do congreso 'Pontevedra... e acción!'
Por Redacción |
-
O pontevedrés Samuel Lema rodará a curtametraxe 'Desde dentro', un thriller ambientado na cidade
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |