Pontevedra, a través da cámara de doce fotoxornalistas da cidade
Por Redacción
O Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra inaugurará este xoves 30 de abril, a partir das oito da tarde, a exposición Pontevedra no obxectivo. Trátase dunha mostra que reúne 72 fotografías captadas pola cámara de doce fotoxornalistas da cidade, profesionais que ilustran cada día a actualidade local.
Nesta iniciativa colaboran Mónica Patxot e Diego Torrado -fotoxornalistas de PontevedraViva- xunto con Ramón Capotillo, Javier Cervera-Mercadillo, Yael Domínguez, Rafa Fariña, David Freire, Ramón Leiro, Gustavo Santos, Alba Sotelo, Rafa Vázquez e Miguel Vidal.
Na mostra poderase ver unha síntese do traballo que dende hai anos veñen realizando estes doce fotoxornalistas para diferentes xornais e medios de comunicación. En concreto, amosaranse seis fotografías de cada un destes profesionais e que eles mesmos seleccionaron do seu amplo e vasto arquivo fotográfico.
A chave do seu traballo céntrase non só en estar no lugar da noticia para capturar o instante preciso, ou na súa habilidade no manexo duns instrumentos dixitais ao alcance de todos, senón na súa capacidade para contar unha historia, transmitir a angustia, a desolación, a alegría, a solemnidade ou a tenrura dun instante fugaz nunha única fotografía.
No acto de apertura ao público, realizarase unha visita guiada pola exposición na que estarán presentes os propios autores das fotografías.
Pontevedra no obxectivo. 12 fotoxornalistas poderase visitar ata o 31 de maio.