'Cegoñas no fondo da Ría', unha achega á historia literaria de Pontevedra agora en formato papel
Por Redacción
A fundación de Pontevedra por parte dos mariños Atlantes, os efectos do diluvio universal na cidade, a orixe da illa de Tambo como un animal prehistórico que quedou varado e acabou solidificando, a truculenta historia de como A Gioconda chegou ao Museo de Pontevedra ou o grandísimo día en que Elvis Presley actuou nas Festas da Peregrina.
Son retazos da historia literaria da cidade que puideron coñecer os lectores de PontevedraViva a través da sección 'Cegoñas no fondo da Ría' do escritor Manuel Lourenzo durante dous anos e que agora ven a luz en formato papel a través dun libro co mesmo título. O luns 4 de maio ás 20.00 horas presentarase na Casa das Campás, pero este xoves o autor xa deu a coñecer novos detalles do proxecto a través dunha comparecencia pública no Concello.
Manuel Lourenzo xa asinou exemplares desta nova obra na Feira do Libro de Pontevedra, pero agora dará a coñecer como se cociñou esta orixinal fórmula literaria, na que Lourenzo parte de feitos imaxinarios, radícaos en Pontevedra e, a través dun arduo proceso de documentación, dálles asentamento real. O resultado son 25 relatos cun compoñente elevado de imaxinación, pero con cariz de crónica histórica aos que, iso si, non é capaz de atopar un xénero literario para definilos. O que máis se aproxima é o de historia creativa, pois están a medio camiño entre a literatura e o xornalismo.
Na presentación oficial do luns 4 Manuel Lourenzo estará acompañado polo autor do limiar do libro, o concelleiro Luis Bará; e polo xornalista de PontevedraViva Anxo Lourido. Durante a mesma achegará aos asistentes algunhas das historias dun proxecto no que o trasfondo, o "obxectivo pretendido" é "contar historias reais que sucederon realmente e esperar que o lector se dea conta que hai algo que non é real, pero ao cabo de moito tempo".
Luis Bará destacou a "orixinalidade" de Cegoñas no fondo da Ría (Urco Editora), unha mestura de realidade e ficción que "supón unha achega importante á historia da Pontevedra literaria", pois introduce elementos novos no conxunto de obras que falan da cidade. Ademais, cumpre un dos requisitos dos que falaban os clásicos que debería ter toda obra literaria: "aprender deleitando".
David Cortizo, de Uco Editora, incide na calidade desta obra que ten unha compoñente importante de humor e retranca galega, pero sobre todo, de literatura fantástica, o xénero que pretenden potenciar no seu selo. Na súa opinión, contar cun título dun autor "do seu calibre" no seu catálogo supón "un valor engadido" para a empresa.
Relacionadas:
-
Manuel Lourenzo presenta 'Ceiba de luz', premio Jules Verne 2017
Por Mónica Patxot |
-
Manuel Lourenzo, Premio Jules Verne 2017 pola súa obra xuvenil "Ceiba de luz"
Por Alejandro Espiño |
-
Manuel Lourenzo: "Durante dous anos non fixen outra cousa máis que escribir 'Cegoñas no fondo da ría'"
Por Anxo Lourido & Daniel Santomé |
-
'Cegoñas no fondo da ría', os artigos de Manuel Lourenzo publicados en PontevedraViva chegan á Feira do Libro
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |