Pablo Carpintero imparte unha charla concerto con motivo do Día da Muiñeira
Por Redacción
O afamado gaiteiro impartirá unha charla-concerto na Casa das Campás con motivo dos actos organizados pola Asociación Duos Pontes con motivo da celebración do XLIV Día da Muiñeira.
Co título "As gaitas no noroeste da Península Ibérica" terá lugar na Casa das Campás o martes 2 de xuño ás 20:30 horas e estará baseada na historia da gaita de fol e nos diferentes tipos que se conservan no noroeste da península Ibérica. Repasaranse 16 tipoloxías diferentes de gaitas de fol. Con cada gaita interpretaranse pezas recollidas na zona e empregaranse as técnicas e dixitacións propias.
O percorrido arrancará das zonas portuguesas de Coimbra, Trás-os-Montes e Minho; amosaranse os nove tipos distintos de gaitas de fol galegas con algúns subtipos, a gaita sanabresa, a gaita eo-naviega e a asturiana, ademais amosaranse diferentes tipos de percusión asociados a estas gaitas.
O conferenciante, Pablo Carpintero Arias, é doutor en Ciencias pola Universidade de Santiago de Compostela e posúe o Diploma de Estudos Avanzados en Historia da Música.
Pablo Carpintero é gaiteiro desde hai máis de 35 anos sendo, ademais, construtor de gaitas, requintas e percusión tradicional galega.